Ata agora a única actividade de Insua era a xestión da Feira Multisectorial de Portonovo no verán. A partir de 2019, Insula asumirá novas actividades e xestións que se poden resumir basicamente en 2 direccións:
1. A xestión de eventos, feiras e festas, neste sentido á feira multisectorial de Portonovo súmanse agora as festas de Santa Catalina e as festas do Nadal. No Consello de Insula que se celebra este luns proponse a aprobación dunha partida de 13.000 € para as festas de Santa Catalina. No caso da feira de nadal, que o ano pasado se realizou por primeira vez con gran éxito, este ano preténdese potenciar e para iso proponse ao Consello a aprobación dunha partida de 66.700€.
2. A xestión do chan municipal, que é a orixe da creación desta empresa, proponse ao consello a aprobación dunha partida de 33.000€ para distintas actuacións na rede viaria e de iluminación pública.
Tamén a xestión do chan de titularidade municipal no parque empresarial de Nantes e da estratexia do Concello para atraer empresas que xeren emprego en Sanxenxo. Neste senso, o goberno leva ao Consello unha proposta para facer un estudo financeiro e de viabilidade técnico-xurídica para a construción das distintas naves do Concello que acollerían entre outros os servizos de limpeza e mantemento e o servizo de emerxencias.
Para acometer as novas funcións que asumirá Insula necesita contratar polo menos a dúas persoas, un xerente e un auxiliar administrativo. Para iso o orzamento municipal de 2019 contempla unha partida 94.500€. O orzamento de Insula en 2018 era de 277.925€, en 2019 increméntase considerablemente ata os 4.295.566€.