Con motivo da conmemoración, o próximo 25 N, do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a Xunta de Galicia convocou un concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais para o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, ESO e Bacharelato.
O obxectivo do concurso foi promover a reflexión sobre a loita contra a violencia de xénero dentro dos centros educativos de Galicia e sensibilizar sobre a importancia de valores como o respecto e a igualdade entre mulleres e homes.
O xurado do concurso estaba composto polos integrantes da Comisión asesora de publicidade non sexista, a Secretaría Xeral de Igualdade e a Consellería de Educación.
Un grupo de alumnos e alumnas do IES de Vilalonga obtiveron o primeiro premio no apartado de peza audiovisual, cun vídeo titulado “Derruba o muro do machismo”, que será proxectado o vindeiro domingo 25 de novembro no acto organizado polo Concello de Sanxenxo.
Nese acto tamén se lerá un manifesto institucional e realizarase a performance “Deconstruccións das relacións de parella tóxicas para a prevención da VX”, de Xoré Teatro. Proxectarase ademais a curta gañadora do concurso “O cinema como ferramenta didáctica contra a VX”, que leva por título “¿Quen se apunta a tomar algo non bar de sempre?" do alumnado do Colexio Abrente.