Concello de Sanxenxo - A iluminación do Nadal acenderase o vindeiro sábado día 8 e o Nadal chega aos colexios e escolas infantís do municipio da man do Trasno Fantástico
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O vindeiro sábado día 8, terá lugar o aceso da iluminación ornamental de Nadal, que estará instalado con motivo destas festas en diferentes lugares do municipio.

A iluminación estenderase ata o 7 de xaneiro, en horario de 18.00 h. a 02.00 h. cada día.

Sanxenxo investirá ese ano 83.000€ na a súa iluminación, o que supón máis do dobre que o ano 2017, no que se investiron 40.500€. Dos 140 motivos do Nadal que iluminaron as rúas o pasado 2017 este ano instalaranse un total de 335, notándose este incremento nas sete parroquias do Concello. Hai un reforzo de iluminación que contempla novidades en zonas que ata agora non se iluminaban: estradas EP9213 (Dorrón) EP9202 (Bordóns), PO-308 e PO-504.

Preténdese iluminar todas as vías que unen cada rotonda, conseguindo así un efecto de iluminación que abarca máis distancia. A decoración vai virar ao redor de dous motivos, en farois e con arcos transversais. Todos eles con deseños onde se fan presentes figuras do nadal tales como estrelas, bólas, combinados con dourados, vermellos e azuis. Pero a idea é que en todo o municipio se perciba un incremento da ornamentación, así como a mellora da calidade da mesma.

Apóstase por un deseño innovador, que inclúa unha ornamentación que coida o detalle e confíase na colaboración da cidadanía no coidado de toda a decoración, xa que resulta imprescindible para a súa conservación durante toda a campaña do Nadal.

TRASNO FANTÁSTICO

Con motivo do Nadal, a Concellería de Educación, Cultura e Xuventude propón aos centros educativos e escolas infantís unha nova actividade dirixida a todo o alumnado de Educación Infantil (0-3 e 3-5) e 1º, 2º e 3º de Educación Primaria.

Trátase de “O Trasno Fantástico”, un conto acompañado dunha representación do seu protagonista que se facilitará aos centros coa finalidade de que se dea a coñecer entre os nenos e nenas. Posteriormente, e antes das vacacións de Nadal, será o propio Trasno o que visite en carne e óso os centros educativos. Ademais, tamén estará no municipio en datas e lugares que se desvelarán proximamente.

O conto relata a misión deste personaxe enviado por Papa Noel e os Reis Magos e que non é outra que acompañar ás familias nestas datas tan especiais, sendo o transmisor do comportamento dos nenos e nenas. O obxectivo da iniciativa é crear un fío condutor de todo o que pase este nadal no noso municipio con actividades para todas as idades, pero sobre todo poñer o noso gran de area para que unhas datas tan máxicas para os nosos pequenos/as o sexan máis se cabe.

Esta mañá xa pasou un Elfo, enviado polo Trasno, para coñecer aos nenos e nenas dese centro por O Cruceiro, Magaláns, EIM O Revel e A Florida.

“Con esta iniciativa preténdese manter viva a maxia e os valores do Nadal á vez que se esperta a curiosidade e a imaxinación dos máis pequenos”, destácase desde a concellería.

 

Elfo4

Elfo3Elfo2

 

Elfo

 

 

 

 

 

 

 

 

0
0
0
s2sdefault