Concello de Sanxenxo - Terminan as obras de Bordóns e adxudícase unha actuación en Buezas
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

BORDÓNS 

Esta semana terminaron as obras de pavimentación do núcleo de Bordóns.

O pasado mes de setembro comezaban as obras de pavimentación do núcleo de Bordóns, cun investimento de 99.990€.

Esta actuación estendeuse ao longo de 900m. nunha zona que vertebra o núcleo central da parroquia.

O pavimento existente presentaba un firme moi deteriorado, con gretas e importantes fochancas. Isto todo provocado principalmente á súa antigüidade, e ao uso, que se incrementa considerablemente na época estival pola actividade turística da zona.

A actuación completa consiste en pequenas demolicións e traballos previos para a instalación de canalizacións de recollida de augas pluviais, a execución dos firmes e pavimentos, dotándoos dunha capa de zahorra e soleira de formigón. E, finalmente, a pavimentación e o realce de tapas e a instalación da iluminación e a sinalización vertical.

Para a súa execución foi necesario obter autorizacións de Augas de Galicia, por estar o lugar afectado polas canles de rega de Bordóns, da Deputación de Pontevedra, polo entroncamento coa EP-92002 e da Consellería de Cultura e Educación, por atoparse nunha zona protexida do patrimonio arqueolóxico e etnográfico da Igrexa parroquial San Pedro de Bordóns, o cruceiro de Palma e a Casa Reitoral.

BUEZAS

Esta semana adxudicouse a prolongación da rede de abastecemento de auga desde Buezas (Nantes) ata Aldariz (Padriñán), cun orzamento de 47.650€, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

A día de hoxe, existen varios lugares do termo municipal, que carecen do servizo básico de abastecemento de auga, e é intención do goberno levar a cabo actuacións en diferentes puntos para liquidar esta situación.

Un deles é Aldariz, que desde hai anos xa dispón da tubaxe de abastecemento de auga, pero esta rede non está en servizo debido a que non existía a posibilidade técnica de fornecerlle auga a través do depósito regulador que hai en Padriñán.

Recentemente terminouse a obra de construción dun depósito regulador para o abastecemento en Buezas, co cal este problema queda liquidado e existe a posibilidade de que a rede de Aldariz entre en funcionamento. Para isto, faise necesaria a prolongación da rede para a unión entre ambos os lugares.

Esta actuación que se estende ao longo de 400 m lineais, ten un prazo de execución de 3 meses, e consistirá na apertura dunha gabia, a instalación das canalizacións e válvulas e a reposición do firme afectado.

Para a execución desta obra foi necesario solicitar autorización sectorial ao Instituto de estudos do Territorio, por estar a zona afectada polo Plan de Ordenación do Litoral.

0
0
0
s2sdefault