Concello de Sanxenxo - Goberno e Peludos Invisibles firman un Convenio de Colaboración
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A Asociación Peludos Invisibles de Sanxenxo, ven reclamando dende hai un tempo un local para gardar os seus materiais de grupo.

Esta asociación compóñena un grupo de persoas cuns intereses comúns pola defensa dos animais, velando pola súa protección, preservando os espazos naturais nos que habitan as distintas especies, colaborando na recollida de animais abandonados e extraviados. Ademais promoven as adopcións e colaboran coa administración local en calquera iniciativa que mellore a calidade de vida dos animais.

O Concello de Sanxenxo, pola súa parte no referido aos cans, ten asinado un Convenio coa Deputación de Pontevedra, a cal se encarga da súa recollida en caso de abandono. E no referido os gatos abandonados, lévanse varios anos aplicando o método CES (captura, esterilización e solta). Esta tarefa realízase cos servizos veterinarios dunha clínica veterinaria local, autorizada para os tratamentos dos animais. Neste senso, o goberno local acaba de abonar cerca de 4.000€ pendentes por este servizo.

Para un mellor traballo do grupo, e a través deste convenio, o Concello cederá a APIS, a utilización dun local, no lugar de Fontoira, situado no interior da nave municipal. Pola súa parte APIS, comprométese ao uso do local dun xeito responsable, ocupándose do seu mantemento.

Ademais, esta asociación seguirá colaborando co Concello de Sanxenxo, na xestión das colonias felinas, realizando tarefas de supervisión, identificación e designación de voluntarios, captura e solta de animais para a aplicación do método CES, e a comunicación á área de Medio Ambiente municipal, dos datos referidos de todas e cada unha das colonias felinas identificadas.

0
0
0
s2sdefault