Concello de Sanxenxo - Adxudicado o Centro Socio Cultural de O Revel, un equipamento polo que os veciños de Vilalonga levaban esperando máis dunha década
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A empresa COPCISA será a encargada da construción do Centro Socio Cultural O REVEL.

Despois do proceso de licitación, que comezaba o pasado 23 de novembro, ao que se presentaron un total de 7 empresas, foi a empresa COPCISA a que resultou adxudicataria desta construción.

Este proxecto saíu a licitación cun orzamento de 1.555.577€, e finalmente foi adxudicado por 1.370.930€. Ademais, entre todas as melloras presentadas por parte de COPCISA, atópase a redución do prazo de execución das obras, dos 18 meses sinalados no proxecto a 10 meses e unha ampliación do prazo de garantía a 5 anos.

O EDIFICIO

A construción deste edificio interrompeuse en 2008 cando estaba feita a cimentación e unha parte da estrutura, nas que se investiron preto de 200.000€.

A parcela na que está situado, en O Revel, ten unha extensión de máis de 2.500 m2 e conta cos servizos de rede de abastecemento de auga e saneamento, enerxía eléctrica e a zona dispón de beirarrúas e alumeado público.

O proxecto, que xa foi presentado aos veciños, contempla que o novo edificio terá unha superficie de 1.500 m2, distribuídos en 2 plantas de 870 m2 e 633 m2.

A planta baixa, que é a máis ampla inclúe un hall, un auditorio e 3 vestiarios. Unha cafetería, aseos xerais, unha oficina de información, arquivo, gardarroupa e un local de limpeza.

A primeira planta, que terá o seu propio acceso independente a través do soportal, inclúe un hall distribuidor, unha ampla biblioteca, 3 aulas de formación, 3 despachos e uns aseos. O proxecto tamén inclúe a creación dun aparcadoiro no exterior do edificio.

0
0
0
s2sdefault