Concello de Sanxenxo - Os proxectos definitivos das rutas dos ríos Fabaíños e Dorrón están valorados en 780.000 € e suman un percorrido de máis de 10 km
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno xa conta cos proxectos definitivos das rutas dos ríos Fabaíños e Dorrón, que suman un percorrido de 10,5 Km e cuxa redacción tivo un custo de 20.000€. Trátase de dúas rutas de sendeirismo de gran interese paisaxístico polo bosque de ribeira que as caracteriza, pero tamén moi atractivas porque inclúen unha ampla oferta de patrimonio cultural: necrópole con 4.000 anos de antigüidade, castros, pazos, igrexas, capelas, hórreos, cruceiros, muíños e lavadoiros.

A estratexia de desestacionalización de turismo contempla a creación de rutas de sendeirismo tanto no litoral como no interior. Trátase de mellorar a oferta paisaxística e patrimonial para facer atractivo Sanxenxo os 12 meses do ano. Sanxenxo conta nestes momentos con 25 km distribuídos en 6 sendeiros azuis ao longo da costa e hai plans para poder aumentar ata o 40 km coa creación dunha nova ruta ao longo do litoral da Ría de Arousa e a prolongación dalgúns tramos pendentes no litoral da Ría de Pontevedra.

No interior Sanxenxo conta coa ruta de Aldariz que se creou no ano 2000 e que ten unha extensión de 6 km. Agora trátase de aumentar a oferta de sederos do rural co 10,5 km das rutas dos ríos Fabaiños e Dorrón. Actuacións encamiñadas ao fomento e promoción do turismo nas parroquias de interior, potenciando o desenvolvimiento de actividades vinculadas ao turismo rural, e á posta en valor do noso patrimonio.

Río Dorrón

A ruta de sendeirismo do Río Dorrón ten unha extensión de 4.965 m. cun desnivel de 182 m desde a desembocadura do río na praia de Areas ata o Muíño de Xián. O orzamento ascende a 393.783 €.

Para a descrición da senda, e en especial, para estimar o seu nivel de dificultade e a súa duración aplícase o método MIDE (método de información de excursións). En base a isto, tendo en conta a totalidade do percorrido, ida e volta, estímase un tempo de 2 h. e 20 min para o seu percorrido, unha distancia lineal de 9,9 Km, cuns desniveis de subida e de baixada de 182 m.

A totalidade do trazado poderá ser percorrido a pé e en bicicleta, extremando a precaución en determinados puntos, nos que debido á estreiteza terán pasar a pouca distancia bicicletas e peóns.

Dorrón

 

Río Fabaíños

Neste caso trátase dunha ruta de sendeirismo de 5.579 m, que percorrerá as inmediacións da canle, desde a contorna do mercado de abastos de Portonovo, ata o cruceiro de Monte Faro. É dicir, polas parroquias de Adina e Noalla. O orzamento desta actuación é de 385.089€.

Aplicando o método MIDE, sinálase un percorrido total, ida e volta, de 11,2 Km, cun horario de 2 h. 30 min. E uns desniveis de subida e baixada de 126m. Esta ruta tamén poderá ser percorrida en bicicleta.

 

Fabaiños

Cesión de terreos

A cesión de terreos por parte dos veciños para poder facer a ruta do Río Dorrón está a xestionala Alfonso Real Concelleiro de Servizos e Obras e veciño da zona. Para a ruta do Río Fabaíños, constituíuse unha comisión formada por 5 veciños das asociacións veciñais de Arra, Noalla, e Adina, que traballaron na localización de propietarios dos terreos afectados polo trazado da senda e das negociacións para lograr as cesións necesarias.

O trazado destas rutas realízase por zonas públicas e privadas. Por tanto, estase, levando a cabo un complexo traballo para obter a cesión dos terreos. Nestes momentos das aproximadamente 300 cesións necesarias, o goberno dispón xa dun 80% dos terreos.

0
0
0
s2sdefault