Concello de Sanxenxo - O goberno está preparando unha nova ordenanza de convivencia cidadá
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno, en concreto a Concellería de Urbanismo, está a ultimar unha nova ordenanza de convivencia que contemplará uns 38 artigos e 3 disposicións adicionais. A nova ordenanza aglutinará cuestións que ata agora estaban repartidas en distintas ordenanzas como a de medio ambiente e a vixente de convivencia. Trátase de ordenalas dunha maneira máis lóxica separando cuestións que regulan servizos que presta o Concello dos comportamentos de individuais dos cidadáns.

Unha vez que o goberno teña listo un borrador facilitaráselle á oposición para que poidan facer as súas aportacións antes de levala á Comisión de Asuntos Xerais e posteriormente ao Pleno para a súa aprobación antes das eleccións.

A nova normativa endurecerá comportamentos incívicos que ata agora tiñan unha sanción demasiado baixa. É o caso de ouriñar na vía publica (na ordenanza vixente sanciónase con 90 €) ou romper mobiliario público que na nova ordenanza pasan a ser cualificadas como infraccións moi graves.

A ordenanza tamén contempla a prohibición de comportamentos incívicos asociados á celebración de despedidas de solteiro e que poden ser cualificadas como infraccións moi graves ou graves segundo sexa o caso.

A continuación, enuméranse algunhas das principais infraccións e a súa cualificación.

Infraccións moi graves:

● Unha perturbación relevante da convivencia que afecte de maneira grave inmediata e directa á tranquilidade ou ao exercicio de dereitos lexítimos doutras persoas. 
● O impedimento ao normal funcionamento dun servizo público.
●Romper, incendiar, arrincar ou deteriorar equipamentos, infraestruturas, instalacións ou elementos dun servizo público, así como o mobiliario urbano.
● Romper, arrincar, realizar pintadas ou causar danos na sinalización pública que impidan ou dificulten a súa visión ou comprensión.
● Romper, arrincar, tallar ou inutilizar as árbores situadas na vía pública e nos parques e xardíns.
● Provocar deliberadamente o apagado de calquera sistema de iluminación pública.
● Incendiar contedores de lixo, cascallos ou desperdicios.
● Realizar necesidades fisiolóxicas, como cuspir, ouriñar, defecar en espazos e vías públicas.

Infraccións graves:

● Perturbar gravemente a normal convivencia cidadá mediante actos que incidan na tranquilidade e descanso dos veciños.
● Perturbar gravemente o normal funcionamento dun servizo público.
● Deteriorar gravemente os bens dun servizo ou un espazo público.
● Dificultar deliberadamente o normal tránsito peonil ou de vehículos polos lugares habilitados para o efecto.

Infraccións leves:

●Perturbar levemente a normal convivencia cidadá mediante actos que incidan na tranquilidade e descanso dos veciños ou no exercicio de dereitos lexítimos doutras persoas.
●Perturbar levemente o uso dun servizo público ou dun espazo público por parte das persoas con dereito á súa utilización.
● Portar mechas acesas, aparellos pirotécnicos ou disparar petardos, foguetes ou similares sen autorización.
● Colocar calquera elemento nos espazos públicos sen autorización.
● Lavar ou reparar coches nos espazos públicos.
● Bañarse en fontes ou estanques públicos.
● Causar danos en árbores, plantas e xardíns públicos.
● Arroxar ou deixar lixo ou calquera elemento na vía pública.

0
0
0
s2sdefault