Concello de Sanxenxo - Portonovo estrea a nova zona deportiva do Espiñeiro coincidindo coa Festa da Raia
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As obras de reforma integral da zona deportiva do Parque Espiñeiro, valoradas en 186.519€ iniciáronse no mes de novembro. Foron financiadas polo programa LEADER de axudas, xestionado a través do GDR do Salnés e outra parte con cargo ao Plan Concellos.

A actuación concentrouse na parte deportiva do parque. Este é un lugar que reúne diariamente a maiores e pequenos para a práctica do deporte. Antes das melloras realizadas, existían dúas pistas abertas, unha de fútbol e outra de baloncesto, que carecían de cerramento ou delimitación, polo que resultaban perigosas para as persoas que transitaban pola zona.

Ademais, había un conxunto de elementos ximnásticos, con barras e espaldeiras, que debido á súa antigüidade resultaban pouco atractivos e que carecían practicamente de uso.

O obxectivo da actuación foi acondicionar a zona deportiva incrementando a súa superficie dos 950 m2 a un espazo de 1.500 m2. Desta forma, pódese dar cabida a un maior número de usuarios que demandaban este tipo de instalacións, favorecendo unha vida sa e saudable. Construíronse 3 pistas polideportivas e unha zona de exercicio ao aire libre.

Á superficie de campo de fútbol instalóuselle céspede artificial verde e marcaxe con liñas en céspede branco de 5 cm de ancho. O resto da soleira no perímetro do campo de fútbol pintouse en cor vermella. Ademais, fíxose un cerramento adaptado ás dimensións da pista, cunha altura nos laterais de 1 metro e nas cabeceiras de 3 m. Colocáronse tamén dúas porterías novas de fútbol-sala de aceiro galvanizado.

Para o resto da zona deportiva adaptouse a soleira existente na cancha de baloncesto, coa a demolición duns 80 m2 na devandita cancha, ampliando a superficie da soleira en 596 m2. A zona demolida acondicionouse posteriormente con pradería de céspede.

Nesta superficie marcáronse dúas pistas polideportivas: unha de 14x24 m, con céspede artificial antiestático e outra de 10x20 m con soleira pintada de cor azul.

A zona de exercicio ao aire libre estará composta por dúas estacións de vitalidade: unha de forza e outra de resistencia e tres módulos de Street workout.

Para poder acometer esta actuación foi necesario obter as autorizacións sectoriais do Servizo Provincial de Costas de Pontevedra, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e de Augas de Galicia.

 

0
0
0
s2sdefault