Concello de Sanxenxo - Un tramo da Rúa Progreso cortarase durante 8 días
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Para garantir a realización dos traballos antes da tempada alta, decidiuse cortar un tramo da rúa desde o luns 6 ata o martes 14. Espérase que os operarios traballen ata a vindeira fin de semana para reducir a duración do corte.

O corte está feito para instalar un colector, de grandes dimensións, é dicir, un conducto da rede na que botan as súas augas diferentes ramas dos tubos. Para a súa instalación é necesario realizar excavacións moi profundas, polo que cortar o tráfico acelera a súa instalación e garante a seguridade vial na zona, evitando calquera incidente.

Lembrar os aparcamentos disuasorios habilitados para as obras. Un destes aparcamentos está situado detrás do Novo Templo de Sanxenxo, que ata agora só se podía acceder a través da zona da Florida e que a empresa adxudicataria da obra foi a encargada de permitir un novo acceso a este aparcadoiro pola Rúa Constitución, unha rúa sen saída.

Ademais, esta explanada estará conectada a outro disuasorio de aparcamento situado na zona de O Tombo, detrás do viveiro municipal, por unha estrada que a propia empresa tamén está a acondicionar.

As persoas que teñan praza de garaxe no tramo da avenida cortado, ademais destes estacionamentos disuasorios, dispoñerán de xeito gratuíto do Parking de Nauta, coma no anterior corte.

O goberno local é consciente de que as obras causan molestias aos veciños, comerciantes e visitantes, pero está dispoñible, así como os técnicos municipais e os técnicos propios da empresa, para colaborar e resolver calquera inconveniente que poida ocorrer. Este corte reducirá os prazos e permitirá que veciños e visitantes poidan gozar de novo da Rúa Progreso o máis axiña posible.

0
0
0
s2sdefault