Concello de Sanxenxo - Comezan as obras de rehabilitación do Pazo de Quintáns
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Despois do proceso de licitación, a mesa de contratación propoñía á UTE formada por Ramírez, Abal e Revivis como empresas adxudicatarias das obras de rehabilitación do Pazo de Quintáns para convertelo nun museo do patrimonio cultural. Esta semana as obras comezaron e a rehabilitación do Pazo está máis preto de ser unha realidade.

O orzamento final da obra, supón unha baixada de 100.000€, con respecto ao orzamento de licitación, de 1.921.326€ a 1.819.304€.

A rehabilitación deste pazo ten como obxectivo, ser un museo de todo o patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e botánico non só da parroquia de Noalla, senón tamén de todo o municipio, como pode ser coa incorporación de información relacionada cos castros de Nantes e de Dorrón.

O pazo de Quintáns albergará a historia de Sanxenxo e é por iso que na planta baixa do edificio principal poderemos atopar unha tenda, oficinas e o recibidor principal das instalacións. E, na planta superior, acondicionaranse 5 salas. Unha delas será un miradoiro galería á “paisaxe máis bonita de Galicia” como xa destacou no seu momento Otero Pedrayo. Haberá dúas salas de exposicións permanentes e unha de exposicións temporais. Ademais, tamén se acondicionará unha sala de proxeccións.

O PAZO

O Pazo de Quintáns, é unha construción singular cuns espectaculares miradoiros sobre a horta e sobre a enseada da Lanzada e O Bao.

O estado actual de conservación do edificio principal é malo polo abandono sufrido de forma prolongada, que derivou nun proceso grave de deterioro material da cuberta e forxados do mesmo. Con todo, o muro de cachotería que rodea toda a leira, de máis de 9.000 m2, está moi ben conservado. En canto ao inmenso xardín hai que cualificalo dun auténtico tesouro botánico.

A filosofía principal do proxecto de rehabilitación, que foi redactado por Mario Crecente e Asociados Consultores, é manter as estruturas orixinais do Pazo, sen derrubar fachadas, nin cubertas. En definitiva, non se fará ningún cambio que modifique a estrutura orixinal do edificio.

O equipo técnico que redactou o proxecto está formado por licenciados en historia, arqueoloxía e enxeñeiros que acreditan experiencia en traballos con bens declarados de interese cultural.

0
0
0
s2sdefault