Un total de 7 empresas presentáronse á licitación publicada o pasado 12 de maio para as obras de remodelación da Casa Priorado de Arra. Denuevo punto creativo, Construcións Castro, Coviastec, Balboa e Buceta, Abal Construcións, Degalle, Revoltamar.
A actuación saíu a licitación cun orzamento de 185,320.11€, que serán financiados con cargo ao Plan Concellos bianual.
Esta actuación é a terceira fase dun proxecto de reforma integral de maior envergadura. Trátase dunha edificación tradicional na que se realizarán agora obras interiores.
Casa Priorado ten dúas edificacións independentes que pechan o patio central, que articula todos os espazos da Planta Baixa. Nesta planta van acondicionar un local de ensaios, dous locais para asociacións, un terceiro local a modo de almacén, aseos masculinos e femininos, un distribuidor e un alpendre.
Na primeira planta farase unha sala de usos múltiples, un despacho, un almacén e un hall. Entre as dúas plantas suman unha superficie útil de 480 m2.
Algunhas das actuacións contempladas no proxecto:
- Revestimentos de chans (pavimentos).
- Revestimentos de paredes.
- Revestimentos de teitos.
- Fontanería: a instalación de fontanería, tanto de auga fría como quente, executarase en tubaxes de polietileno reticulado ou outro material que garanta unhas prestacións similares.
- Saneamento e evacuación de augas: a rede de saneamento irá executada mediante tubaxe enterrada de PVC, coas correspondentes arquetas a pé de bajante, de paso e de rexistro. A evacuación de augas dispoñerá dun sistema separativo de augas pluviais e residuais.
- Electricidade, iluminación, telefonía e TV
- Ventilación: Dispoñerase un sistema de ventilación híbrido.
- Calefacción: Disponse un sistema de calefacción mediante radiadores de aluminio.
Esta nova actuación no Priorado de Arra permitirá convertelo nun centro sociocultural para uso e goce de todos os veciños, non só do lugar, senón de todo o municipio.
Con esta terceira fase, e as dúas anteriormente realizadas, súmase un investimento total na casa de 399.000€.
Casa Priorado de Arra é unha edificación de carácter tradicional, actualmente sen uso, que no seu momento foi vivenda duns monxes benedictinos relacionados co Mosteiro de Armenteira. E, recentemente levou a cabo unha actuación importante, que consistiu na restauración da cuberta e os muros de cerramento da edificación, na que se investiron 190.000€. Ademais, instaláronse xanelas e portas cun orzamento aproximado de 24.000€.