Concello de Sanxenxo - O Concello permitirá as fogueiras de San Xoán en 5 praias previo cumprimento dos requisitos que esixe a autorización
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A experiencia do ano pasado demostrou que Sanxenxo como outras moitas localidades galegas e españolas pode facer compatible a tradición de gozar das fogueiras de San Xoán co respecto ao medio ambiente e o descanso de veciños e visitantes.

Por segundo ano consecutivo, o Concello permitirá, previa solicitude de autorización, fogueiras en 5 praias, Agra, Nanín, Panadeira, Silgar e Caneliñas. En consecuencia, non se poderá facer fogueiras en ningún dos 13 areais restantes. Como xa se fixo o ano pasado a policía local vixiará e valará os accesos a praias como Montalvo nas que hai anos producíanse concentracións masivas e fogueiras non autorizadas que danaban os areais e a súa contorna.

Para garantir o bo funcionamento da noite de San Xoán, o Concello poñerá en marcha un operativo especial da policía local, os servizos de emerxencia e o servizo de limpeza. Neste sentido ás 6:00 h da mañá evacuaranse as praias para proceder á súa limpeza garantido que estarán en perfectas condicións ás 10 h.

Outras medidas preventivas son a colocación de valos para delimitar os espazos autorizados, bidóns para a recollida de cinza, só poderase queimar leña limpa e, por tanto, está prohibido a queima de calquera material plástico, madeiras pintadas ou con cravos. E tampouco se poderá levar á praia botellas ou vasos de vidro, así como a reprodución de música cun volume que poida molestar a zonas de vivendas.

O prazo para a solicitude de autorización e identificación das persoas que se farán responsables de cada unha das fogueiras autorizadas será a partir de hoxe día 5 ata o 20 de xuño ás 15 h. As persoas interesadas teñen que contactar coa Concellería de Medio Ambiente no teléfono 986.74.49.09, ou presencialmente na oficina de Vilalonga.

O Servizo de Emerxencias de Sanxenxo desenvolveu un sistema innovador que mellora as comunicacións relacionadas coas fogueiras de San Xoán e San Pedro.

Consiste en escanear un Código QR, que aparece na folla da solicitude para facer unha fogueira. Mediante este código ademais de comprobar a validez da autorización, o código permite ao solicitante comunicarse directamente co servizo de emerxencias e a policía local entre as 23:00 e 9:00 h do 24 de xuño, por se ocorrese algo que requirise a intervención dos bombeiros.

0
0
0
s2sdefault