O pasado mes de abril o goberno adxudicaba á empresa Construcións Castro Figueiro S.L.U, as obras de mellora das instalacións da casa de Don Fernando, co obxectivo de darlle un impulso á utilización deste espazo e destinala á mocidade.
Con esta actuación están a adecuarse as instalacións á normativa vixente, xa que tanto o edificio principal como a parcela na que se atopa non reunían as condicións de acceso a persoas con mobilidade reducida. Para emendalo redactouse un proxecto que suprimirá as barreiras arquitectónicas e de comunicación e construirase un aseo accesible.
Tamén se está instalando un ascensor panorámico hidráulico cunha cabina de 1,10 x 1,40 metros. Na planta alta do edificio están a colocarse unhas divisións de pladur para crear un novo espazo.
Para corrixir as filtracións tamén nas escaleiras exteriores conectadas coa fachada, selarase toda a superficie de contacto.
A Casa de Don Fernando foi construída en 1900 e atópase rehabilitada tras as obras realizadas na lexislatura 2003-2007. Atópase nunha leira cunha superficie de 800 m2 e aínda que na actualidade atópase en bo estado, fanse necesarias estas melloras para un bo acondicionamento dos espazos que permita un uso diario do local.