Cúmprense 6 días desde a posta en marcha dos cambios de tráfico.
O goberno non quixo valoralos antes porque preferimos facer unha análise sereno a deixarnos levar pola inmediatez ou a ansiedade.
O goberno está moi satisfeito cos cambios. Segundo avanzou a semana, a mellora fíxose máis evidente. Por suposto, o primeiro día houbo confusión nos condutores que non coñecían as novidades, algo inevitable cando se fan cambios importantes. Pero en ningún caso houbo o caos que algúns din. Os que se lanzaron a criticar desde o primeiro minuto son os mesmos que en 1999 se opuxeron á supresión da dobre dirección de Silgar e a Avda. de Madrid.
O principal obxectivo do cambio é mellorar o acceso á zona máis comercial e hostaleira dos vehículos que chegan pola rotonda de Arnelas, máis do 70% do total que accede á vila. Antes eran os máis prexudicados, pois tiñan que percorrer a Rúa Progreso e a Avda. de Madrid para chegar ao porto, agora o acceso é máis directo e rápido.
Un segundo obxectivo é evitar o tráfico de vehículos que antes percorrían a Avda. de Madrid e Silgar simplemente para ver ou deixarse ver. Agora circulan menos coches, só os que se dirixen ao porto e os residentes.
O cambio, por tanto, prima a entrada de vehículos á zona máis emblemática. Un concello que vive do turismo debe facilitar o acceso. Iso si, facéndoo compatible coa humanización e ampliación de espazos peonís. Sanxenxo entre 1999 e 2003 creou 100.000 m2 de zonas peonís no porto deportivo e contorna.
Antes resultaba máis fácil saír do porto, pero a conta de prexudicar a entrada. Os datos din que a saída sempre é máis graduada que a entrada e que o tráfico pola rotonda de Arnelas é moi superior ao que accede pola Avda. León (PO-308). En función de todo iso invertimos os termos para priorizar a entrada de vehículos.
Hai quen se pregunta por que a Avda. de Madrid ten un sentido e o contrario. Hai dúas razóns, facilitar o acceso aos comercios e o mercado e, doutra banda, a mellora deste último incluirá un aparcadoiro de varias plantas que necesitará dun bo acceso.
O goberno non toma decisións á lixeira, como algúns queren dar a entender, pensamos moito o que imos facer, pero unha vez que estamos convencidos das vantaxes non dubidamos en actuar.
Non somos inmovilistas, traballamos para que Sanxenxo siga avanzando. Outros presumen de “progresistas”, pero ante os cambios sempre reaccionan coma os máis conservadores.