Concello de Sanxenxo - O GOBERNO DE SANXENXO REÚNE Ó SEU GABINETE DE CRISE QUE SEGUIRÁ ACTIVO ATA A SUPERACIÓN DA PANDEMIA DO CORONAVIRUS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, convocou onte ó gabinete de crises de Sanxenxo para reforzar e coordinar todos os medios municipais que garantan o cumprimento estrito das decisións que tomaron os gobernos de España, Galicia e Sanxenxo respecto da pandemia do Covid-19.

O gabinete está integrado polo alcalde, a primeira tenente alcalde, María Deza, os concelleiros de Seguridade Cidadán, Jaime Leiro; Medio Ambiente, Juan Deza; Actividade Económica e Persoal, Marcos Guisasola; Cultura e Educación, Paz Lago, o xefe da policía local e o responsable do servizo de emerxencias. Para esta reunión considerouse que había que contar coa presenza dos presidentes do CETS, Alfonso Martínez, e Entretrendas, Julio Presas. Segundo evolucione a situación, poderían facerse novas incorporacións se fose necesario.

O goberno de Sanxenxo xa acordou o xoves pechar todos os edificios e instalacións municipais, así como suspender as actividades deportivas, culturais, educativas e sociais que dependen do Concello. Onte sumouse ás medidas o peche dos mercadillos e os parques infantís. Hoxe acordouse o peche das praias, as oficinas de turismo e a incorporación dos policías e bombeiros que estean de vacacións. Tamén se decidiu que durante a semana haxa un policía diante do Concello e outro diante do edificio de Servizos Sociais para informar o público que a atención será telefónica e non presencial. A “situación de emerxencia sanitaria” en Galicia e a declaración do “estado de alerta” obriga a intensificar esforzos e coordinación para, na medida das nosas competencias, contribuír a superar a crise do coronavirus. Sanxenxo xa demostrou en novembro de 2002 a súa capacidade de traballo e mobilización para superar unha crise como foi a vertedura do Prestige. É nun escenario distinto, pero que igual que entón, o goberno está convencido de que con esforzo, organización e solidariedade superarase esta situación.

A Policía e os servizos de emerxencia velarán por que se cumpran estritamente as decisións do Consello da Xunta, as que decida hoxe o Consello de Ministros e as que acordou o Concello o xoves. Solicitamos a colaboración de todos no cumprimento das recomendacións de prevención, como intensificar a hixiene, gardar a distancia con outras persoas e permanecer nas vivendas o máximo tempo posible.

Por último, o goberno apela á responsabilidade de veciños e especialmente dos visitantes e garante que, con serenidade, pero tamén con firmeza fará cumprir todas as medidas que se tomaron.

0
0
0
s2sdefault