Concello de Sanxenxo - O PAZO DE QUINTÁNS RECUPERA A SÚA EMBLEMÁTICA GALERÍA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As obras de rehabilitación do Pazo de Quintáns avanzan a bo ritmo. Os traballos realizados nos últimos meses permitiron recuperar xa un dos espazos máis emblemáticos do edificio, a galería acristalada de madeira coa súa cor orixinal, verde carruaxe, desde onde se pode divisar a Ría de Arousa e rematar a cuberta tanto exterior como interior do histórico inmoble. A estrutura realizada cun armazón de madeira de castiñeiro inclúe tamén a instalación dunhas táboas perforadas para mellorar a acústica das distintas estancias que conservan en gran parte os muros de pedra orixinarios.

O alcalde, Telmo Martín, realizou esta semana unha visita aos traballos acompañado do director de obra, Carlos Berride, e a concelleira de Infraestruturas e Planificación Territorial, María Deza, para supervisar o avance da rehabilitación nas dúas plantas do edificio principal. A boa marcha das obras, a pesar da paralización da actividade polo Covid 19 durante quince días, permitirá que estean concluídas durante o próximo mes de xullo. "Estamos convencidos de que ou Pazo de Quintáns será dende este mesmo verán un espazo do que se sentirán orgullosos non só os veciños de Noalla senón todo Sanxenxo. Un novo atractivo que se suma á longa lista do municipio e que demostra que somos moito máis que sol e praia", asegura o alcalde, Telmo Martín.

Outro dos grandes avances foi igualar a cota de pavimento, desigual nas distintas estancias, e que agora permitiu que o edificio sexa 100% accesible. As dúas plantas estarán comunicadas, ademais, por un ascensor acristalado que está previsto que ocupe o oco das escaleiras que conducen á planta superior que é outro dos elementos conservados e recuperados da estrutura orixinal.

Durante a obra fóronse descubrindo unha serie de muros de pedra de interese patrimonial e estético que se remarcaron mediante ocos no forxado de teito de planta baixa formando dobres alturas a través dos cales se remarca o contraste entre os materiais novos e a parte rehabilitada, potenciando esta última.

A obra centrarase nos próximos meses nos acabados dos chans para os que se contemplan distintos materiais. O chan da planta baixa será de granito e o da planta superior, será de madeira. Queda tamén pendente o acabado das escaleiras exteriores, a pintura e as subministracións. A iluminación será outro dos elementos coidados da obra. Xogarase coa luz para destacar determinados elementos da estrutura.

Conservación da pila e a lareira.

Os traballos de rehabilitación realizan dúas referencias concretas á estrutura orixinal coa conservación da pila e a lareira. A canle para alimentar aos animais que comunicaba na súa orixe a parte superior, zona nobre, coa inferior na que se atopaban as cuadras, seguirá lucindo tras a rehabilitación co acristalamiento da pila e unha iluminación diferente que poña en valor o elemento. Tamén a lareira do pazo manterá o seu espazo xenuíno na planta alta, mesmo coa zona azulexada lateral, que existía na estrutura orixinal.

O hórreo, situado na leira de máis de 9.000 metros cadrados que rodea o Pazo, será tamén rehabilitado. Xa se desescombrou o seu interior e renovou o teito con uralita que será cuberta con tella. Tamén queda pendente a carpintaría desta estrutura que data dos anos 50 e que ten unha dimensión de máis de 17 metros de lonxitude. En todo caso, manterá a estética acorde ao edificio principal.

0
0
0
s2sdefault