Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO ENCARGA 10.000 MASCARILLAS MÁIS E SUMA XA UN TOTAL 32.000 UNIDADES DESDE O INICIO DA CRISE SANITARIA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello de Sanxenxo continúa coa repartición de máscaras a domicilio de forma totalmente gratuíta aos veciños do municipio. Nestes momentos xa se enviaron 15.029 unidades, a través da Policía Local e Emerxencias, a 2.147 vivendas ás que hai que sumar as entregadas a distintos concellos, colectivos e organizacións. Co obxectivo chegar a todas as familias do municipio, o goberno local encargou a confección doutras 10.000 para continuar coa distribución.

As máscaras están confeccionadas con tea adquirida a un provedor indicado pola Consellería de Sanidade cuxa composición está formada por un 99% de poliéster e un 1% de tecido antiestático. O tecido non permite o paso de saliva do exterior nin tampouco desde o interior, unha das formas máis habituais de contaxio. Algo facilmente comprobable a través dun aerosol a menos de 15 centímetros. Son reutilizables e o seu fabricante recomenda o lavado a 60º para unha correcta desinfección tras o seu uso. O Concello de Sanxenxo recomenda un novo lavado antes do primeiro uso.

O goberno local iniciou esta repartición tan só días despois de declararse a alerta sanitaria e continúa a día de hoxe co envío casa a casa, previa chamada a domicilio para indicar as instrucións dun correcto uso. Foi o pasado 18 de marzo cando o alcalde, Telmo Martín, púxose en contacto coa firma catalá Lenard para realizar o primeiro encargo de tea ao que se sucederon dous máis debido á alta demanda veciñal. O 19 chegaba o pedido de tecido a Sanxenxo e o 21 de marzo comezaba a repartición entre o persoal municipal ao que continuou a distribución a domicilio por estrita orde de solicitude.

As persoas que aínda non dispoñan de máscara poderán solicitala vía teléfonica ao Concello de Sanxenxo, de luns a venres, no teléfono 986 72 00 75, de 8:30 a 14 horas. Fóra dese horario e os fins de semana, pódense pedir no teléfono da Policía Local 986 72 70 72.

Unha vez que todos os veciños de Sanxenxo dispoñan de máscaras, o Concello prevé realizar un novo encargo de 8.000 unidades que reservarán para a tempada estival por se fosen necesarias.

Ademais, as 20.000 máscaras non reutilizables cedidas por Servinauta repartiranse entre os traballadores de pemes da localidade e o sector hostaleiro do municipio cando retomen a actividade. Estas máscaras poderanse solicitar no parking de Nauta onde levará un rexistro de entrega.

0
0
0
s2sdefault