Concello de Sanxenxo - O PRIORATO DE ARRA AVANZA NA SÚA REFORMA INTERIOR CON NOVOS CHANS E MELLORAS NA ACCESIBILIDADE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A última fase de recuperación do Priorado de Arra encara a súa recta final para converterse en espazo sociocultural. Os traballos céntranse agora na súa terceira fase en revestimentos de chans paredes e teitos nas distintas estancias, pero tamén no acondicionamento do patio exterior cunha rampla de acceso que comunica os distintos espazos. O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Infraestruturas, María Deza, visitaron esta semana as obras para supervisar o avance dos traballos que está previsto que conclúan a finais do próximo mes de xuño.
O Priorado ten dúas edificacións independentes que pechan o patio central, que articula todas as salas da planta baixa. Nesta planta están a acondicionarse un local de ensaios, dous locais para asociacións, un terceiro local a modo de almacén, aseos masculinos e femininos, un distribuidor e un alpendre. A primeira planta acollerá unha sala de usos múltiples, un despacho, un almacén e un hall. Entre as dúas plantas suman unha superficie útil de 480 metros cadrados. A obra inclúe tamén a renovación do saneamento.
O Priorado de Arra é unha edificación de carácter tradicional, actualmente sen uso, que no seu momento foi vivenda duns monxes benedictinos relacionados co Mosteiro de Armenteira. E, recentemente levou a cabo unha actuación importante, que consistiu na restauración da cuberta e os muros de cerramento da edificación, na que se investiron 190.000 euros.
O orzamento destas obras ascende a 185.000 euros, procedentes do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Antes de desenvolver estes traballos, previamente foi necesario levar a cabo unha serie de tarefas para restaurar o peche perimetral do Priorado e cambiar portas e xanelas. En total, a mellora desta edificación aproxímase aos 400.000 euros.

0
0
0
s2sdefault