Concello de Sanxenxo - SANXENXO LEVANTA O TELÓN DA FASE 1 DA DESESCALADA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo retoma aos poucos a actividade comercial e hostaleira con importantes medidas de seguridade e hixiene. Os comercios que até a semana pasada traballaban con cita previa agora fano con control de aforamento e cun protocolo hixiénico que se repite, adaptado sempre ás circunstancias de cada actividade.

As máscaras, o xel hidroalcohólico e as luvas, así como marcas no chan para garantir a distancia de seguridade é a nova normalidade para o sector comercial. "Os vestiarios están pechados e a roupa que se toca pasa por un proceso de desinfección e corentena. O aforamento para garantir o control mantémolo por baixo do que marca o decreto", explican desde de ténda Mitos da Rúa Progreso. É precisamente nesta rúa onde os cambios marcados na fase 1 son máis evidentes. Tamén en Ponte Zapatillas a actividade renóvase con moitas preguntas e con cambios na atención. "Pedimos aos nosos clientes que ademais de desinfectar as mans, usen calzas para probar o calzado", asegura.

No sector da hostalaría, a maioría dos establecementos que apostaron hoxe por inaugurar a tempada de terrazas neste proceso de desescalada mantivéronse abertos durante todo o Estado de alarma ao coincidir con despachos de pan e empanadas. "Baléirase unha mesa e vólvese a encher, apenas quedan baleiras uns minutos. Vese que a xente ten ganas de saír e de tomar algo nunha terraza", asegura o propietario da Panadaría Paco mentres desinfecta mesa e cadeiras para os seguintes clientes que xa se atopan á espera.

Baltar recuperou hoxe en parte unha das estampas típicas do luns co mercadillo de produtos de alimentación. Un total de 14 postos de froitas, produtos salgados, queixos e embutidos volveron á actividade. Entre cada posto, dous metros de distancia e un corredor de seis metros para o tránsito de clientes. Nas próximas semanas iranse incorporando os postos de téxtil e calzado para os que se establecerán quendas para respectar o aforamento que se limita a un total de 39.
O Concello de Sanxenxo recuperará a partir de mañá a súa actividade presencial de atención ao público no Rexistro. Limitarase o aforamento a dúas persoas e manteranse as xestións telemáticas na medida do posible. En canto á atención no Catastro, Urbanismo, Intervención e Secretaría realizaranse con cita previa. Os que desexen realizar consultas nestes departamentos deberán chamar ao 986 72 00 75.

 

 

 

 

0
0
0
s2sdefault