Concello de Sanxenxo - SANXENXO CONTRATA A 132 PERSOAS, ENTRE SOCORRISTAS E INFORMADORES DE OCUPACIÓN, PARA AS PRAIAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello de Sanxenxo contrata a 132 socorristas e vixiantes de apoio para a tempada estival en praias. Como xa é habitual serán Areas, Silgar, Canelas e Montalvo, o catro primeiros areais que contarán con servizos a partir do próximo venres e será a partir do 3 de xullo cando se somen as trece restantes con bandeira azul. Serán 60 socorristas, 20 sanitarios e 52 informadores de ocupación os que se distribúan polas distintas praias, segundo necesidades e dimensión do areal, e que supón un importante reforzo de persoal para garantir a seguridade este verán.

O goberno local convocou este ano unha bolsa de emprego para praias que contou cunha gran participación e que permite ter en reserva, ademais dos que xa se van a contratar, a dez socorristas, 30 controladores de aforamento e 31 sanitarios. A vixilancia dos areais realizarase por terra, mar e aire. Así, cada praia con bandeira azul contará con socorristas, sanitarios, informadores de ocupación e drons que vixiarán o estado das praias.

O Concello de Sanxenxo sacou a concurso a adquisición de catro drons, equipados con cámaras térmicas e megafonía, que sobrevoarán as praias ofrecendo ao instante unha imaxe do nivel de ocupación dos areais. A intención do goberno é que estean operativos a primeira semana de xullo. Serán os propios axentes da Policía Local o que se encarguen de pilotar estes drons e de coñecer o estado das praias para tomar as decisións que conveñan dependendo da situación. O goberno local reservou, a través de Nauta, unha partida de 42.000 euros para a compra destes drons

En canto aos horarios, os informadores de ocupación estarán na praia de Silgar de 10 a 20 horas, e no resto das praias, de 12 a 20 horas, coincidindo co resto de servizos. Esta nova figura encargarase de facilitar ás persoas que acudan ao areal atopar o espazo que lle permita manter a distancia de seguridade recomendada.

0
0
0
s2sdefault