Concello de Sanxenxo - O GOBERNO LOCAL ANALIZA COS DIRECTORES DOS COLEXIOS AS OBRAS MÁIS URXENTES PARA O PRÓXIMO CURSO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde acompañado da concelleira de Educación e o edil de Servizos iniciaron unha rolda de visitas aos centros educativos con operarios municipais

O alcalde, Telmo Martín, acompañado da concelleira de Educación, Paz Lago, e o edil de Obras e Servizos, Óscar Vilar Sartages, acudiron aos colexios de Magaláns, A Florida e Nantes, e ás gardarías municipais de O Revel e O Tombo onde analizaron cos directores dos centros as obras máis urxentes que acometer antes do comezo do próximo curso. A rolda de visitas continuará cos colexios de Portonovo, O Telleiro e a escola unitaria de Aios.
As obras serán realizadas, na maioría dos casos, polos propios operarios municipais de Obras e Servizos que tamén estiveron na visita e só será necesaria a compra de material.

O primeiro centro da visita foi o CEIP Magaláns, en Dorrón, no que se liquidarán os problemas de humidade detectados en cinco aulas co cambio de tubaxes dos radiadores e o alicatado de parte da parede. Os operarios municipais encargaranse de realizar os traballos nos próximos días para que estean a punto no inicio de curso en setembro.

As actuacións previstas no CEIP A Florida, en Sanxenxo, centraranse na instalación de canalización de pluviais nun dos accesos do interior do colexio que provocou o afundimento de parte do chan. Na aula de manualidades retiraranse 7 lavabos para garantir a distancia social entre alumnos e instalarase un novo mesado de madeira, modificaranse as tomas dos enchufes e arranxaranse as persianas.

No CEIP de Nantes cambiaranse as tubaxes contraincendios para garantir o seu correcto funcionamento e acondicionarase a contorna do centro. O goberno local terá novidades proximamente sobre o peche do pavillón ao que se dotará de iluminación de forma temporal, tal e como solicitou a dirección do centro.

Nas gardarías municipais, as actuacións centraranse nos accesos para garantir o distanciamento dos nenos nas entradas e saídas dos centros así como nos patios. No caso de O Tombo habilitaranse dúas novas portas e en O Revel habilitarase unha senda de acceso e limitarase os espazos con valos para evitar o contacto de clases na saída ao exterior.

0
0
0
s2sdefault