Concello de Sanxenxo - O CONCELLO RECIBE MÁIS DE 50 PROPOSTAS PARA DESEÑAR O NOVO MERCADO DE ABASTOS DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Máis da metade dos proxectos proceden de fóra de Galicia de zonas como Baleares, Granada, Madrid ou Valladolid, entre outros lugares

O Concello de Sanxenxo recibiu máis de 50 propostas para deseñar o novo mercado de abastos de Sanxenxo. O prazo concluíu o pasado luns, e ao consistorio municipal chegaron 50 proxectos, pero aínda hai un prazo de dez días para aqueles que comunicasen o envío e cuxa recepción se prevé nos próximos días. Até o momento, máis da metade proceden de fóra de Galicia de zonas como Baleares, Granada, Madrid ou Valladolid. O goberno local está moi satisfeito coa resposta á convocatoria do concurso de ideas convocado, en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia, para a construción do novo edificio que aspira a converterse nun mercado referente do produto fresco e da gastronomía.

O primeiro premio está dotado con 20.000 euros, o segundo, con 6.000 euros e o terceiro, con 3.000 euros. Ademais, entregaranse até catro accésits de 500 euros cada un. A proposta gañadora podería, se así o considera o Concello de Sanxenxo, ser a adxudicataria da redacción e dirección do proxecto nun procedemento de contratación posterior valorado en 244.420 euros (IVE incluído). O proxecto contempla a construción dun edificio de cinco plantas e dous sotos. Recolle tamén o acondicionamento da contorna e rúas adxacentes para o que se prevé un orzamento de 4.512.329 euros.

O mercado situarase na planta baixa de 550 metros cadrados con catorce postos fixos para carnes, charcutería e embutidos; ultramarinos; encurtidos, salgaduras e conservas; conxelados; lácteos e ovos; panadarías; e local de reparación de calzado e duplicado de chaves. Contémplanse 25 bancadas para peixes e mariscos; froitas, hortalizas, verduras e produtos de tempada. Inclúese tamén nunha zona anexa un espazo gourmet, que poida dar servizo á vez ao propio mercado e ao resto de equipamentos.

O edificio estará dotado dun aparcadoiro de uso de mercadorías do propio mercado, e un aparcadoiro de uso público, que poida ocupar as rúas circundantes. O proxecto contempla un centro multiusos con equipamentos multidisciplinares como unha biblioteca e ludoteca pública, que dea apoio á xa existente no Pazo Emilia Pardo Bazán, un centro multidisciplinar que poida ofrecer á poboación nova e maior o desenvolvemento das súas actividades e aulas para asociacións deportivas, culturais, educativas, sociais, comerciais, turísticas de Sanxenxo para que poidan desenvolver e ofertar un amplo abanico de posibilidades deportivas, sociais, de lecer, de cultura ou de formación.

O concurso está previsto que se falle, seguindo os prazos marcados, a finais do mes de outubro.

 

0
0
0
s2sdefault