Concello de Sanxenxo - ONCE EMPRESAS OPTAN A REALIZAR A OBRA DE HUMANIZACIÓN DO ACCESO Á CAPELA DE O SANTO EN NANTES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O proxecto de humanización do acceso á capela de O Santo en Nantes espertou o interese de once empresas que presentaron a súa oferta no Concello. A obra que sae a licitación por 216.272 euros ten un prazo de execución de tres meses e está financiada polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
O obxectivo dos traballos é facer compatible a circulación de vehículos lixeiros coa circulación segura de peóns, proxectando unha calzada en plataforma única de uso mixto, respectando unha contorna con alto valor patrimonial no que existe un cruceiro e unha capela.

Actualmente, existe un viario asfaltado moi estreito con beirarrúas tamén moi estreitas, realizadas en baldosa hidráulica e que presentan importantes deficiencias. A actuación, prevista en 140 metros, inclúe tamén melloras no ámbito do saneamento coa dotación dunha nova rede de recollida de pluviais e un novo colector que será instalado polo centro do mesmo.

En canto á iluminación pública, o proxecto inclúe a instalación dunha nova canalización eléctrica e a renovación dos farois, con iluminación led para mellorar a eficiencia enerxética. Respecto ao mobiliario urbano, está prevista a instalación de bancos e papeleiras, do mesmo xeito que unha pantalla para reducir o impacto visual dos colectores de lixo.

0
0
0
s2sdefault