Concello de Sanxenxo - MEDIO CENTENAR DE MAIORES APÚNTANSE ÁS CLASES DE XIMNASIA AO AIRE LIBRE QUE COMEZARÁN O VINDEIRO MARTES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As actuais restricións sanitarias obrigan a reducir os grupos de participantes a seis persoas por ser deporte non federado

Medio centenar de maiores apuntáronse ás clases de ximnasia ao aire libre que se porán en marcha o vindeiro martes 3 de novembro. A actividade que será impartida polos monitores da piscina municipal realizarase en sesións matinais dunha hora e dous días por semana.

As actuais restricións a grupos de máximo seis persoas obrigarán a realizar en Portonovo, Vilalonga ou Noalla, onde se apuntaron máis dunha decena de maiores, polo menos dúas sesións ao día para poder dar resposta a todos os inscritos. A actividade desenvolverase tamén en Bordóns, Dorrón, Nantes e Sanxenxo onde, polo momento, está prevista unha sesión ao día.

En canto aos espazos, a actividade desenvolverase ao aire libre. En Portonovo realizarase no parque de O Espiñeiro; en Vilalonga, na Praza Pública; en Noalla, no campo da festa; en Nantes, na contorna do local social de Regantes; en Bordóns, no campo da festa do mesmo xeito que en Dorrón e en Sanxenxo na Praza do Mar.

O concelleiro de Servizos Sociais, Daniel Arosa, destaca a gran acollida dunha actividade que se adaptou á actual situación sanitaria e que busca fomentar o deporte e a vida saudable dos maiores sen descoidar as medidas de seguridade sanitarias que esixe a pandemia. "O uso de máscara será obrigatorio durante todo ou desenvolvemento da actividade, así como o xel desinfectante e a toma de temperatura antes de iniciar cada clase. Faranse con todas as garantías sanitarias posibles", asegura Arosa.

0
0
0
s2sdefault