Concello de Sanxenxo - EMERXENCIAS SANXENXO MELLORA O CONTROL DAS SÚAS INTERVENCIÓNS E ELIMINA O USO DE PAPEL COA APLICACIÓN GESPARQUE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Axilizar e mellorar o control das intervencións é un dos obxectivos da aplicación Gesparque que, desde este verán, Emerxencias Sanxenxo comezou a utilizar no seu traballo diario. Trátase dunha ferramenta moi intuitiva que recolle as necesidades e os parámetros cos que traballa un parque de bombeiros, desde o informe dunha intervención até o inventario de material ou a elección da mellor ruta para acudir a unha emerxencia. "É unha aplicación que ten moitas posibilidades e que nos permite un control absoluto do servizo e o abandono case definitivo do papel", explica Antonio Folgada, xefe de servizo de Emerxencias Sanxenxo.

Cada equipo de bombeiros conta cunha tablet onde introduce os datos de cada intervención desde o momento que recibe a chamada ata que se conclúe o servizo de forma totalmente dixital creando un arquivo con todos os datos relevantes da actuación. Pero tamén inventariar todas as subministracións e materiais do parque de bombeiros e o estado dos mesmos, xerando unha alerta coa información en tempo real a través de incidencias e cambios de estado. "A aplicación pode mesmo advertirnos da caducidade dun extintor ou dunha avaría dun vehículo e o seu estado", sinala Folgada.

Nestes momentos, ultímase a introdución dos datos para lograr ter un mapa dixital do estado e da resposta do servizo a través dun sistema innovador. Inclúe tamén información de puntos hidrantes en cada un dos municipios nos que actúa Emerxencias Sanxenxo, así como plans de prevención e planificación ou puntos de interese dos edificios municipais para actuar en caso de emerxencia.

Doutra banda, o servizo reforzouse fai un par de semanas con dous equipos de rescate formados por carapucha, máscara e botella para actuar en caso de evacuación nun incendio e evitar a intoxicación por fume das vítimas.

Nestes momentos, o persoal do Grupo de Emerxencias de Sanxenxo está formada por 19 traballadores cun ámbito de actuación que vai máis aló de Sanxenxo con intervencións, segundo a alerta, no Grove, Meaño e Poio. O custo anual do servizo rolda os 550.000 euros e o investimento municipal no mesmo é de máis de 400.000 euros. O resto de orzamento procede da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.

0
0
0
s2sdefault