Concello de Sanxenxo - SANXENXO CONTA CUN PLAN DE ACCIÓN PARA REDUCIR AS EMISIÓNS DE CO2 EN MÁIS DUN 40% EN 2030
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello está adherido ao Pacto de Alcaldes impulsado dende a Comisión Europea para a loita contra o cambio climático
 
O Concello de Sanxenxo conta cun Plan de Acción para a Enerxía Sustentable e o Clima (Paces) que marcará a folla de ruta para reducir o CO2 en máis dun 40% en 2030. Un compromiso adquirido en 2019 co Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía co que os concellos adheridos fan propios os obxectivos da Unión Europea. Nestes momentos son xa 228 os concellos galegos adheridos a este pacto ambiental.
 
O Plan de Acción de Sanxenxo marca un calendario de traballo que inclúe unha primeira fase que contempla a elaboración dun inventario de emisións de referencia, así como a definición das medidas ou accións de mitigación para as medicións do sector residencial, o transporte público e privado, residuos sólidos e avaliación dos riscos climáticos. Entre algunhas das medidas recollidas neste plan inclúense a certificación enerxética de todos os edificios municipais, o desenvolvemento do Plan de Mobilidade, a promoción da compra verde de material municipal, a mellora térmica de edificios municipais con calor renovable, así como campañas de concienciación do uso responsable de auga, residuos e enerxía.
 
Coa recompilación destes datos, éntrase nunha segunda fase na que se elabora un rexistro que marcará as emisións de referencia dos diferentes sectores do municipio con polo menos tres do catro sectores craves: Municipal, terciario, residencial e transporte. En función dos resultados, definiranse as medidas ou accións de mitigación e, a continuación, realizarase unha avaliación dos riscos e vulnerabilidade do cambio climático en Sanxenxo como poden ser a calor extrema, frío extremo, secas, incendios forestais, desprendementos, tormentas e inundacións.
 
A tramitación do Plan de Acción debe incluír a aprobación do Pleno que deberá ser presentada na plataforma do Pacto de Alcaldías. O documento deberase actualizar cada dous anos para axustarse ás directrices que marque a Unión Europea.
 
0
0
0
s2sdefault