Concello de Sanxenxo - SANXENXO CREA UNHA NOVA RUTA DE NATUREZA E PATRIMONIO PARA O ESPAREXEMENTO DE VECIÑOS E VISITANTES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A ruta de paisaxe e patrimonio Con da Romaíña demostra que a beleza de Sanxenxo reside moito máis que na súa costa
Que "Sanxenxo é moito máis que as súas praias" non é nada novo para os veciños, pero parece oportuno empezar a concretar algunhas das realidades que xustifican esta afirmación. Neste sentido, o obxectivo do goberno, a medio e longo prazo, é recuperar zonas de alto valor paisaxístico e patrimonial para o esparexemento de veciños e ampliar a oferta lúdica da tempada baixa. A próxima fin de semana celebrarase en Sanxenxo o I Ciclocrós Con da Romaíña, proba puntuable da Copa Galicia desta disciplina deportiva. Hai veciños, pero sobre todo visitantes que non coñecen o Con da Romaíña, a súa lenda e o alto valor etnolóxico, razón pola que forma parte do catálogo do patrimonio arqueolóxico de Sanxenxo. 
 
No lugar de O Santo, na parroquia de Nantes, e no medio dun monte de piñeiros e carballos hai dous grandes bloques graníticos, separados por escasos metros, que conforman un abrigo natural. En épocas pretéritas, posiblemente ao final do Neolítico, 2.000 anos a.C. o Con da Romaíña foi unha área de asentamento dos primeiros poboadores de Sanxenxo. Na parte superior dun dos bloques hai varias insculturas (tallados na pedra), unha en forma de cruz e dúas pequenas cavidades que seguramente servían de cazoletas para a preparación de alimentos.
 
Pero quizais o máis atractivo do Con da Romaíña é a lenda de Manoliño "O Currutaco" un home moi valente que foi retado por un vello que lle cominou a permanecer alí un día de lúa chea ata que as campás tocasen as doce da noite. Manoliño non dubidou en facelo, alí estaba cando chegou a medianoite e abriuse unha porta na pedra pola que saíu unha muller moura encantada, que lle falou dun tesouro e conduciulle até o mesmo. Cando se dispuña a collelo a muller converteuse nunha gran serpe que se abalanzou sobre el, pero "O Currutaco" soubo defenderse, colléndoa polo pescozo ata que logrou estrangulala. Cansado pola pelexa aínda conseguiu facerse co tesouro e subir as escaleiras, pero atopouse a porta pechada e acabou morrendo atrapado no interior destas pedras onde permanece o tesouro.  
A un quilómetro de distancia do Con da Romaíña, pero xa na parroquia de Padriñán, hai outro gran mole granítica de máis de 10 metros de altura, coñecida como Con da Ventureira, que no pasado servía de orientación aos mariñeiros pois se divisaba desde a ría e onde os veciños van a merendar cada luns de Pascua. A 800 metros de distancia está o monte de Chan de Gorita que alberga un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes do Concello xunto co de Monte Faro. Esta zona xa forma parte da ruta de sendeirismo dos carballos entre Aldariz e Bordóns.     
 
O goberno de Sanxenxo está a habilitar unha gran área recreativa na zona verde comprendida entre O Santo e o parque empresarial onde se atopa o Con da Romaíña. A Concellaría de Medio Ambiente está a sinalizar itinerarios de peóns e ciclistas, colocando bancos e mesas de granito e proximamente paneis informativos que describan o valor arqueolóxico e a lenda do Con da Romaíña. Estas melloras foron posible grazas á colaboración da Xunta a través de Turismo de Galicia no marco do convenio do plan de actuación integral turística.                                 
 
 
 
 
0
0
0
s2sdefault