Concello de Sanxenxo - "LOS LUNES AL SOL" É O PROXECTO GAÑADOR DO CONCURSO DE IDEAS PARA O NOVO MERCADO DE ABASTOS DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O proxecto co lema "Los lunes al sol" foi o gañador do concurso de ideas para a construción do novo mercado de abastos de Sanxenxo valorada en 3.080.544 euros. Así o decidiron os membros do xurado que se reuniron na Sala Nauta para volver visualizar as maquetas dos proxectos preseleccionados do total de 63 que se presentaron ao concurso. 
 
A proposta gañadora expón un edificio multifuncional acristalado de cinco plantas e dous sotos destinados a aparcadoiro público. A primeira e segunda planta estarán destinadas ao mercado de abastos e espazo gastronómico; as plantas intermedias dedícanse á biblioteca municipal, sala de lectura e espazos polivalentes. A quinta está pensada como espazo gourmet. Ademais do premio económico de 20.000 euros, a proposta gañadora podería, se así o considera o Concello de Sanxenxo, ser a adxudicataria da redacción e dirección do proxecto.
 
En canto á contorna, "Los lunes al sol", propón manter a circulación rodada existente na contorna completando a pacificación da Rúa Madrid e reducindo o uso do vehículo privado. A saída de vehículos no extremo oeste permitiría unha incorporación rápida á Rúa Progreso. Esta pacificación, sinala o proxecto, "complétase co funcionamento en rede do edificio, programando eventos puntuais vinculados á gastronomía e os produtos do mercado".
 
O segundo premio, dotado con 6.000 euros, foi para "Filandón" e o terceiro, con 3.000 euros, para "Sanxen0204". Recibiron accésits de 500 euros os proxectos: "Espazo", "Furancho", "Mero", "Praza Planta" e "Vestíbulo Urbano". As identidades dos autores dos proxectos daranse a coñecer nun acto público, vía streaming, o vindeiro xoves, 26, onde se procederá á apertura de sobres dos distintos lemas que permanecen pechados e custodiados no Concello de Sanxenxo.
 
0
0
0
s2sdefault