Concello de Sanxenxo - SANXENXO TRAMITA A REVÁLIDA DAS 17 BANDEIRAS AZUIS EN PRAIAS PARA O VERÁN DE 2021
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
 A estes distintivos prevé sumar os Sendeiros Azuis, o do porto deportivo Juan Carlos I e o de Centro Azul das Telleiras
 
O Concello de Sanxenxo tramita ante a Adeac a reválida do seu liderado en bandeiras azuis para o próximo verán que suporá un importante esforzo investidor e de recursos humanos. Os 17 areais que luciron o selo de calidade optan a renovalo en 2021 despois de que a calidade das augas dese excelente en cada unha das analíticas realizadas, tal e como esixen os requisitos para optar a Bandeira Azul.
 
O goberno espera poder sumar en 2022 a praia de Nanín a esta listaxe formada pola Lapa, Agra, Areas, Areas Gordas, Baltar, Bascuas, Canelas, Caneliñas, Espiñeiro, Foxos, Major, Montalvo, Nosa Señora da Lanzada, Panadeira, Paxariñas, Pragueira, Silgar. Para iso, debe conseguir durante os próximos dous anos, de forma continuada, a calidade excelente das súas augas. Un obxectivo que espera poder lograr tras a mellora de saneamento realizada na contorna e que evitará que verteduras puntuais alcancen o areal. Este ano a nova incorporación foi Area de Agra e a situación sanitaria obrigou a redobrar esforzos para garantir a seguridade dos bañistas nas 17 praias cun investimento de máis de 500.000 euros.
 
Ante a Adeac, o Concello de Sanxenxo cursa tamén a certificación do seis sendeiros azuis: Sendeiro Máxico da Lanzada, Sendeiro Major- Montalvo, Sendeiro Montalvo - Paxariñas, Sendeiro Canelas - Punta Cabicastro, Sendeiro Sanxenxo - Portonovo e Sendeiro Areas - Punta Festiñanzo. Así como a bandeira azul do porto deportivo Juan Carlos I e o Centro de Interpretación das Telleiras.
 
Non será até o mes de maio cando se revele a listaxe de distintivos, pero Sanxenxo volverá apostar en 2021 pola excelencia das súas praias e dos seus espazos públicos naturais. "Imos seguir apostando pola calidade e a seguridade nas nosas praias e potenciando os nosos sendeiros en 2021", apunta Juan Deza,concelleiro de Medio Ambiente.
0
0
0
s2sdefault