Concello de Sanxenxo - O CIM INCREMENTOU NUN 24% AS ATENCIÓNS A VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO RESPECTO DE 2019
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Servizos Sociais triplicou o número de familias atendidas a través do programa de emerxencia social coa pandemia 
 
As atencións a vítimas de violencia de xénero incrementáronse un 24% nos primeiros once meses do ano respecto das rexistradas no mesmo período de 2019. Os datos manexados polo Centro de Información á Muller situado en Portonovo cifra en 422 as diversas consultas a este servizo municipal sendo as máis numerosas as atencións psicolóxicas (198), o asesoramento xurídico (116) e a atención a vítimas de violencia de xénero (70). 
 
Desde o CIM de Sanxenxo aténdese actualmente, non só a vítimas de violencia de xénero do municipio, senón tamén procedentes doutros puntos da comarca como Meaño, Cambados, Vilagarcía, O Grove, Meis e mesmo de Ourense, Barcelona ou Madrid que durante a pandemia incrementou as súas atencións a mulleres en máis dun 90% ao pasar de 6, antes da pandemia, a 64 ao peche do pasado mes de novembro. En canto ao asesoramento xurídico as consultas acumuladas ao peche do pasado mes alcanzan as 84 fronte ás 32 realizadas até o pasado 14 de marzo. Un comportamento similar repítese nas atencións psicolóxicas con 153 fronte ás 45 rexistradas no primeiro trimestre. Os incrementos de atencións son menores na orientación de emprego, con dous, ou na información de recursos, 29.
 
A actividade no departamento de Servizos Sociais tamén aumentou considerablemente coa pandemia. O programa de Emerxencia Social no que se inclúen as axudas ao pago de recibos de auga e luz, así como os alugueres, medicamentos ou cotas de comedores escolares, entre outros, atende, na actualidade, a 92 familias con 124 adultos e 60 menores fronte ás 33 familias que eran beneficiarias deste programa até marzo. Desde este departamento tamén se realizan as tramitacións necesarias de axudas a outras administracións e proporciónase información sobre o tipo de prestacións ás que poden optar as familias cunha delicada situación económica.
 
0
0
0
s2sdefault