Concello de Sanxenxo - A EMPRESA QUE GAÑE O CONCURSO DO CICLO DA AUGA TERÁ QUE FACER MELLORAS NA REDE DE SANEAMENTO E ABASTECEMENTO VALORADAS EN CASE 13 MILLÓNS DE EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
Unhas melloras que permitirán ampliar ou mellorar 55 quilómetros da rede de abastecemento de auga e saneamento
 
O goberno está a traballar no estudo económico e financeiro previo á licitación da concesión do servizo da auga. A concesión está prevista para un período de 25 anos e a empresa que resulte gañadora do concurso terá que realizar unha serie de melloras da rede de saneamento e abastecemento de auga que se o tivese que acometer o Concello custaríanlle 12.699.938 euros.
 
É un investimento sen precedentes na rede de abastecemento e saneamento, que entre outros obxectivos permitirá dotar destes servizos ás vivendas do rural que aínda carecen deles. "As melloras que fará a nova concesionaria dotarán de auga e saneamento ás 726 vivendas do rural que carecen dalgún destes servizos, pero, ademais, sustituiranse os tramos vellos de tubaxes e farase un novo depósito en Vilalonga", sinala Telmo Martín. 
   
Dada a importancia e a complexidade do concurso e a súa tramitación o goberno vai dar unha nova prórroga á actual concesionaria para que siga prestando o servizo ata que se complete o concurso e a empresa gañadora poida asumir a xestión do servizo.
 
O prego de condicións do concurso inclúe un anteproxecto con 65 actuacións a realizar pola concesionaria, clasificadas en 3 grupos: 
 
1. Ampliación da rede de saneamento e abastecemento de auga que contempla 43 actuacións que van permitir dotar de saneamento e auga ás 726 vivendas do rural que carecen destes servizos.  
 
2. Renovación da rede de saneamento e abastecemento de auga que inclúe 15 actuacións, entre as que destaca a substitución de tramos de tubaxes de fibrocemento por PVC aumentando a súa capacidade. É o caso da tubaxe de auga entre Major e Portonovo (3.190 metros) de fibrocemento e 200 milímetros que se substituirá por unha de PVC de 250.  
 
3. Novas infraestruturas de abastecemento de auga, inclúe 7 actuacións entre a que destaca a construción dun novo depósito de auga cunha capacidade de 5.000 m3 e a ampliación da conexión entre distintos puntos da rede de abastecemento. Sanxenxo ten 6 depósitos de auga con 18.000 m3 de capacidade, que quedan un pouco xustos para atender a toda a poboación no verán. O novo depósito de Vilalonga suporá aumentar a capacidade de almacenamento un 28%. Ademais, contémplase a substitución de todos os contadores, actualmente analóxicos, por modelos dixitais.
 
As distintas actuacións suporán a ampliación ou substitución de 55 quilómetros de tubaxes, 27.039 metros de abastecemento de auga e 28.369 metros de tubaxe de saneamento.    
 
0
0
0
s2sdefault