Concello de Sanxenxo - O CONCELLO REPARARÁ CON CARÁCTER URXENTE UN TRAMO DA TUBAXE DE PLUVIAIS ENTRE VIDAL ROCHA E CASTELAO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os traballos contan cun orzamento de 48.264 euros e concentraranse nunha superficie lineal de 55 metros
 
O Concello de Sanxenxo acometerá con carácter urxente a reparación dun tramo da tubaxe de pluviais entre as rúas Vidal Rocha e Castelao que está a provocar problemas de filtracións. A actuación centrarase agora nuns 55 metros de tubaxe que se atopa en moi mal estado, pero o obxectivo do goberno é continuar coa substitución do resto a medio prazo.
 
A tubaxe é de formigón e atópase instalada a unha gran profundidade, máis de cinco metros, polo que para comprobar o seu estado foi preciso utilizar un robot autónomo provisto de cámara de vídeo. Tras a inspección concluíuse que o tramo conta con gretas en varias zonas e coas xuntas de unión abertas o que provoca fugas. A reparación contempla a rehabilitación completa da mesma a través dun sistema non invasivo e mellorando o coeficiente hidráulico da canalización. 
 
As tarefas previas consistirán na limpeza da tubaxe con camión de impulsión e succión, incluíndo o transporte e xestión de residuos na planta de reciclaxe. Tamén se realizará un fresado interior da tubaxe e tras a reparación comprobarase a través de cámara robotizada o resultado dos traballos.
 
Esta actuación enmárcase dentro dos obxectivos do goberno de mellora da rede de saneamento e abastecemento de auga en todo o municipio. Ao longo deste ano, sacará a concurso o servizo de auga que inclúe unha serie de obras de ampliación, renovación e novas infraestruturas da rede de saneamento e abastecemento valoradas en case 13 millóns de euros nun total de 65 actuacións. 
 
 
0
0
0
s2sdefault