Concello de Sanxenxo - O CONCELLO MELLORARÁ O SISTEMA DE EMISIÓN DE IMAXE E SON EN DIRECTO DOS PLENOS MUNICIPAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A nova subministración, instalación e mantemento sae a concurso por 25.095 euros para garantir a correcta emisión da sesión 
 
O Concello acaba de sacar a licitación a mellora do sistema de emisión de imaxe e son dos plenos municipais para garantir a correcta visualización da sesión vía streaming a través da canle de youtube. O goberno local é consciente das deficiencias e carencias do actual sistema que busca solucionar con este novo contrato de subministración, instalación e mantemento que sae a concurso por 25.095 euros. O obxectivo é que os veciños que desexen ver o Pleno poidan facelo sen contratempos ou fallos na emisión. Unha posibilidade que na actual situación sanitaria cobra, se cabe, unha maior importancia xa que é o único medio dispoñible para poder seguir os plenos.
 
Nestes momentos, o son das intervencións recóllese por un único micrófono ambiente, agora no novo prego indícase que deberá ser un propio por cada concelleiro. Un total de 19 unidades de debate, 17 con función de votación e dúas sen ela para o secretario e interventor. O novo servizo incluirá un sistema de control de debates e votación dixital. Dúas pantallas, de como mínimo 40 polgadas, estarán situadas nos laterais do salón de plenos e servirán para marcar o tempo de cada intervención, así como o sentido da votación en cada punto. Esta mellora no son permitirá realizar tamén actas electrónicas de forma automática e cada pleno gravado asinarase de forma dixital.
 
A imaxe do vídeo tamén se mellorará. Agora hai unha soa cámara que ofrece unha visión panorámica da sesión. O novo sistema contratado deberá contar con tres cámaras robotizadas que virarán en función das intervencións. O prazo máximo de instalación e posta en marcha do novo sistema non poderá superar os dous meses.
 
O obxectivo a medio prazo, unha vez instalado o novo sistema, é crear unha plataforma propia municipal á que se poida acceder para visualizar os plenos municipais sen necesidade de acudir a youtube.
 
0
0
0
s2sdefault