Concello de Sanxenxo - SANXENXO SACARÁ A CONCURSO PÚBLICO A XESTIÓN DO SERVIZO DE SALVAMENTO E SOCORRISMO DAS PRAIAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O crecemento e a complexidade que adquiriu o servizo esixe un marco máis profesional e estable que garanta a súa calidade  
 
O servizo de salvamento e socorrismo das praias de Sanxenxo creceu moito nos últimos anos, pasamos de 10 bandeiras azuis a 17 en só tres anos, co nivel de complexidade e esixencia que supón para o servizo. Pero tamén houbo que incrementar a calidade do servizo coa mellora do equipamento dos 17 principais areais de Sanxenxo, novos módulos con máis tecnoloxía sanitaria, desfibriladores, equipos de osixenoterapia, entre outro material.
 
Proba diso é o recoñecemento especial que ADEAC concedeu a Sanxenxo o ano pasado polo servizo de salvamento e socorrismo. Co obxectivo de seguir mellorando e dar un paso máis na profesionalización do servizo, chegou o momento de delegar a xestión nunha empresa especializada que acredite a experiencia e o coñecemento para xestionar este servizo no primeiro destino turístico de praia do norte de España. É o modelo que en Galicia xa están a utilizar cidades como Vigo e A Coruña, entre outros concellos, e no resto de España aínda está máis xeneralizado.   
 
O prego de condicións contemplará un horario de 12:00 a 20:00 horas nos seguintes períodos e praias:  
 
De 15 de xuño a 15 de setembro
  • Areas, Silgar, Canelas e Montalvo 
De 1 de xullo a 31 de agosto 
  • Agra, Panadeira, Baltar, Caneliñas, Paxariñas, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos, A nosa Señora da Lanzada, Area Gorda, A Lapa e A Lanzada
Ademais dos socorristas acuáticos e o persoal de primeiros auxilios que terá cada praia, o servizo contará cun 1 responsable xeral, 2 coordinadores e 1 operador de comunicacións. As condicións laborais das 80 persoas que require o servizo, entre socorristas e persoal de primeiros auxilios, axustaranse ao convenio colectivo vixente.   
 
A empresa adxudicataria tamén terá que achegar: 
  • O material sanitario de primeiros auxilios, pomadas, vendas, etc. 
  • Unha completa vestimenta dos socorristas e material de protección 
  • 1 vehículo de intervención con desfibrilador, equipo de oxigenoterapia, bala de osíxeno medicinal, etc. 
  •  Unha motocicleta como mínimo de 125 c.c.
A adxudicación do servizo será por un período de 2 anos, ampliable a dous máis e por un importe anual que roldará os 600.000 euros con IVE incluído.    
     
 
0
0
0
s2sdefault