Concello de Sanxenxo - SANXENXO LICITA A XESTIÓN DAS ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS DE O TOMBO E O REVEL POR 2,3 MILLÓNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O prego recolle como mellora unha partida de 25.000 euros destinada á adquisición de material en ambos os centros
 
O Organismo Autónomo Terra de Sanxenxo acaba de sacar a licitación a xestión das escolas infantís municipais de O Tombo e O Revel por 2.346.694,22 por un prazo de catro anos. O prazo para presentar as ofertas culmina o luns 15 de febreiro, xa que a nova concesión deberá comezar a funcionar o próximo 1 de abril. O prego actual recolle como mellora unha partida de 25.000 euros que se destinará á adquisición de material para ambos centros.
 
O prezo do servizo, que se incrementa en 466.851 euros respecto ao concurso de 2016, contempla un reforzo na limpeza para o catro anos, unha demanda necesaria que agora se verá respondida no novo prego, así como a higienización especial anticovid. As novas condicións do concurso suman ao persoal a dúas traballadoras a media xornada en cada unha das escolas que no anterior concurso incluíronse como unha mellora. O goberno local aposta por manter este reforzo de persoal de forma indefinida para garantir a calidade do servizo. O prego contempla ademais o aumento de horas do persoal para garantir as aulas burbulla mentres permaneza esta situación sanitaria.
 
O horario habitual, agora modificado polo Covid, é de 7:30 a 20:30 horas e inclúen servizo de comedor. Ambas as escolas infantís municipais contan con 121 prazas para os distintos tramos de idade:
  • 0-1 ano: 24
  • 1-2 anos: 39
  •  2-3 anos:58
 
O plantel está conformado por 28 traballadoras que a concesionaria deberá subrogar coa adxudicación e que supón un gasto anual de 496.207 euros cunha media mensual de 41.350,66 euros. En canto aos gastos de mantemento e xerais, o prego recolle unha estimación de 76.100 euros anuais.
 
A concesionaria que resulte adxudicataria deberá entregar antes do 30 de xuño a Terra de Sanxenxo a valoración do estado de conservación do mobiliario, materiais e instalacións das EIM e petición de actuacións de melloras no edificio, instalacións e espazos exteriores. Anualmente, unha vez finalizado o proceso de matriculación e antes do comezo do curso deberá achegar unha memoria anual de actividades de cada escola relativa ao curso anterior, un proxecto educativo (PE) e Programación Xeral Anual (PGA) para o curso seguinte; unha relación do alumnado matriculado por niveis, cos datos dos nenos/as usuarias, así como unha relación do profesorado, organización e distribución horaria prevista para o curso escolar. 
 
0
0
0
s2sdefault