Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ENCARGA O PROXECTO DO MERCADO DE ABASTOS DE SANXENXO PARA BUSCAR VÍAS DE FINANCIAMENTO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde e a concelleira de Urbanismo mantiveron un encontro por videoconferencia cos gañadores do concurso de ideas

 O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e a concelleira de Urbanismo, Flavia Besada, mantiveron un encontro por videoconferencia co equipo gañador do concurso de ideas do mercado de abastos de Sanxenxo dirixido polo arquitecto catalán, Toni Bosch. O goberno decidiu contratar o proxecto do edificio para iniciar a procura de financiamento en distintas administracións como a Xunta, a Deputación e mesmo optar a fondos europeos.

O alcalde incide en que "un proxecto desta envergadura e que cumpre cos parámetros de humanización e sostenibilidade como este é un claro candidato a axudas por parte dás distintas administracións". A intención do goberno é conseguir o apoio do maior número de administracións para reducir a achega municipal dun proxecto valorado en 4,5 millóns de euros.

Durante o encontro, o alcalde trasladou ao equipo redactor do proxecto algunhas pautas e usos futuros do edificio que terán en conta no documento definitivo que se prevé que se poida ter nas próximas semanas. O departamento de urbanismo remitirá nos próximos días o estudo topográfico e geotécnico da zona.

O goberno está convencido de que o novo edificio, así como a humanización e transformación da contorna será un revulsivo e posta en valor para a actividade comercial e hostaleira da zona. O proxecto propón solucións que abarcan máis que o propio edificio como a praza entre as rúas Madrid e Constitución, o calmado do tráfico e a preferencia peonil ou a construción un aparcadoiro subterráneo.

En canto ao edificio, o proxecto de "Os luns ao sol" ofrece un deseño translúcido e sustentable, cun modelo enerxético bioclimático e funcional que contará con amplos espazos diáfanos adaptables a distintos usos. Ao espazo principal, o mercado, sumaranse outros como a biblioteca, aulas de estudo, servizos municipais e a terraza que actuará como espazo gastronómico.

0
0
0
s2sdefault