Concello de Sanxenxo - SANXENXO PREPÁRASE PARA UN SETEMBRO DE EVENTOS QUE O CONCELLO ESPERA SEXA O COLOFÓN A UN BO VERÁN PARA A ACTIVIDADE TURÍSTICA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
A saída dunha etapa da Volta de España, o Campionato de Europa de vela de 6 metros e a tradicional concentración de motos xerarán un importante impacto económico en setembro
 
O goberno está a traballar para que Sanxenxo volva ser percibido este verán como un destino seguro. As medidas que o Concello e o sector turístico puxeron en marcha o ano pasado conseguírono e grazas a iso tivo uns datos de ocupación superiores a outros destinos turísticos.
 
Este ano as condicións serán mellores grazas ao proceso de vacinación, especialmente en setembro cando será real a desexada inmunización de grupo e en Sanxenxo poderanse celebrar con normalidade o tres eventos previstos. O sábado 4 de setembro Sanxenxo acollerá a saída da penúltima etapa da Volta de España, un evento deportivo que suporá un importante impacto económico e publicitario para Sanxenxo. Na volta participan 22 equipos de ciclismo, que arrastran case 4.000 persoas, 2.500 entre organización e as marcas que hai detrás de cada equipo, máis os 1.200 xornalistas acreditados de máis dunha cincuentena de países. 
 
Calcúlase que o impacto económico dunha etapa de saída, entre pernoctacións, restauración, hostalaría, comercio e combustible, deixa entre 500.000 e 700.000 euros na cidade. A maiores hai que ter en conta o impacto publicitario e mediático que supón, o sinal de televisión que chega a 190 países e a audiencia en España da retrasmisión da etapa un sábado que é de 2 millóns de espectadores. En resumo, unha oportunidade para activar a economía e transmitir a mellor imaxe de Sanxenxo. 
 
Entre os días 9 e 19 de setembro celebrarase en Sanxenxo o campionato de Europa de vela de 6 metros que organiza o Real Club Náutico. Participan 50 barcos de 15 países, Portugal, Francia, Reino Unido, Alemaña, Suíza ... Está previsto que se despracen a Sanxenxo 500 persoas, 250 regatistas e 250 persoas máis de apoio dos equipos. Calcúlase que gastarán 250 euros por persoa e día o que supón un impacto económico 1,2 millóns de euros sen contar os xornalistas especializados e os afeccionados a este deporte que se despracen a Sanxenxo. 
 
O 4 de setembro, día de Santa Rosalía, celébrase a Feira da Cebola, polo que o goberno traballa para facer compatibles a loxística de ambos os eventos, de maneira que a volta tamén sirva para dar a coñecer as cebolas e verduras que se cultivan no municipio.   
 
Na segunda quincena de setembro terá lugar a tradicional concentración de motos que cada edición atrae a Sanxenxo unhas 15.000 persoas ao longo do fin de semana. Un evento que organiza a Moto Club Amigos da Moto de Sanxenxo e que este ano celebra a súa 36 edición, que demostra que se trata dun dos eventos moteiros máis importantes de España.
 
O goberno confía en que Sanxenxo teña un verán ascendente, a situación sanitaria prevese que sexa boa en xullo, mellor en agosto e case de plena normalidade desde setembro até final de ano. O sector turístico e os veciños poderán recuperar unha parte importante do que se perdeu no último ano.       
 
 
0
0
0
s2sdefault