Concello de Sanxenxo - INICIAN OS TRABALLOS DE DERRIBO DO VELLO QUIOSCO DA PRAZA PÚBLICA DE VILALONGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Unha empresa especializada retirará o venres de forma manual a uralita da cuberta do inmoble
 
O vello quiosco da Praza Pública de Vilalonga ten os días contados. A empresa encargada da súa demolición iniciou esta mesma semana os traballos previos para proceder o seu derribo. A presenza de uralita con amianto no tellado obriga a realizar parte do derribo de forma manual e á colocación dun valado perimetral. Unha empresa especializada no tratamento deste material desprazarase a Vilalonga este venres para retirar parte da cuberta e trasladar o residuo a unha planta de reciclaxe. A principios da próxima semana, comezarase a demolición da estrutura e a retirada do cascallo.
 
Mentres se ultima a saída do quiosco da fachada frontal da Praza Pública, o goberno avanza no proxecto de humanización da contorna que axudará a revitalizar o centro da parroquia de Vilalonga. A arquitecta Irene Campo é a encargada da redacción da reforma que permitirá aproveitar os 4.388 metros cadrados de superficie e recuperar o espazo de convivencia e goce veciñal orixinario da praza.
 
A idea do goberno é potenciar a zona de xogo infantil que se atopa nestes momentos nunha das esquinas da praza e reservar unha superficie de aproximadamente 3.000 metros cadrados como espazo multifuncional e polivalente. Ademais, quere reforzar o arboledo da alameda con máis especies que permitirán dotar a praza de máis e mellores zonas de sombra.
 
A remodelación chegará despois dun longo proceso xa que a praza cambiou a titularidade pública en novembro de 2019 tras un acordo amigable entre o alcalde, Telmo Martín, coa familia Campo para a presentación dunha demanda sobre a propiedade da praza que seguía rexistrada a nome da familia. O Concello fixo ademais efectiva en marzo do ano pasado a compra do quiosco tras abonar ao propietario 39.703 euros, tasación realizada polo arquitecto municipal polos 75 metros cadrados do inmoble.
 
0
0
0
s2sdefault