Concello de Sanxenxo - COMEZAN AS OBRAS DE HUMANIZACIÓN DA RÚA DO VENTO CUN INVESTIMENTO DE 40.492 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Dous meses é o prazo do que dispón a empresa adxudicataria da humanización da Rúa do Vento, Covsa, para realizar os traballos, que terán un custo de 40.492 euros. A obra será financiada co remanente do Plan Concellos da Deputación de 2018 e 2019. Coa humanización da Rúa do Vento preténdese mellorar o servizo ofrecido aos seus usuarios, especialmente para os peóns, pois é un vial moi utilizado por todos os veciños e visitantes do municipio.
 
O proxecto contempla a construción dunha beirarrúa de baldosa hidráulica de 2 metros de ancho na marxe esquerda do viario, flanqueada por un bordo prefabricado de formigón. A superficie total de beirarrúa ascenderá a 310,00 m2. Previo á pavimentación, mellorarase a rede de saneamento, coa colocación dunha tubaxe de saneamento de PVC e os correspondentes pozos de rexistro e acometidas domiciliarias. Dado que se vai a renovar a rede de saneamento da zona, tamén se contempla a construción de 6 pozos de rexistro e a execución de 6 acometidas domiciliarias.
 
Para rematar as actuacións correspondentes a este proxecto, poranse a cota de nova rasante as tapas de rexistro e rejillas existentes e executarase a sinalización horizontal correspondente. O prazo de garantía da obra é de 12 meses.
 
0
0
0
s2sdefault