Concello de Sanxenxo - PORTOS, DISPOSTO A RENOVAR O CONVENIO PARA A CESIÓN DE USO DO VARADERO DE PORTONOVO COMO PARKING NO VERÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A presidenta do órgano autonómico visitou as vilas de Sanxenxo e Portonovo para analizar "in situ" as necesidades e demandas expostas
 
Dando continuidade á reunión celebrada a semana pasada en Santiago, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou Sanxenxo e Portonovo para analizar "in situ" as necesidades e demandas expostas en ambas as vilas. O alcalde, Telmo Martín, xunto á tenente de alcalde, María Deza, e a concelleira de Urbanismo, Flavia Besada, percorreron parte da fachada marítima de Sanxenxo para analizar a mellora que se pode aplicar nas terrazas para pór en valor a contorna e potenciar a actividade económica cunha solución conxunta entre Portos e Concello. 
 
En canto ás melloras na fachada marítima de Sanxenxo, Portos elaborará un proxecto para recuperar a rampla centenaria de baixada á praia de Os Barcos que levará retirar o tablado de madeira que a cobre e realizar unha actuación que permita gozar e embelecer o espazo. "Hai capacidade de mellora e é interesante recuperar a rampla de acceso á Praia dos Barcos ou dos nenos retirando a madeira que actualmente a cobre", expuxo Lenguas.
 
Tras o percorrido desprazáronse á praia da Carabuxeira onde se están levando a cabo os traballos de rexeneración do areal coa elaboración do leito no que depositar o tubo geotextil que actuará de barreira natural para evitar a perda de area.
 
En Portonovo, a presidenta de Portos mostrouse disposta a ceder un ano máis durante a tempada estival, cando o municipio triplica a súa poboación, o uso de parte do varadero como aparcadoiro público coa delimitación de 80 prazas. O alcalde agradeceu a boa disposición para ceder o espazo que deberá contar tamén co visto e prace da Confraría de Pescadores e o Club Náutico. "É necesario volver asinar ese convenio para dotar de máis prazas de aparcamento o centro da vila portonovesa no verán", dixo.
 
O alcalde trasladou tamén a necesidade de recolocar as casetas de tíckets de pasaxe nunha zona que non supoña un problema para o tránsito peonil. Unha posibilidade que Portos estudará para garantir que non haxa aglomeracións nas beirarrúas que se estreita na actual localización.
 
Finalmente, a presidenta de Portos percorreu a avenida de Rafael Picó para analizar xunto a técnicos do órgano autonómico a posible retirada do sebe, tal e como pediron os hostaleiros da zona, e que iría acompañada dun proxecto de mellora integral da estética das terrazas deste enclave. Lenguas analizará as posibles opcións e dará traslado ao Concello, mentres os hostaleiros traballan nun proxecto conxunto de embelecemento do espazo. 
 
0
0
0
s2sdefault