Oito traballadores do departamento da Mariña de Nauta Sanxenxo asistiron onte a unha xornada de formación inicial básica sobre desfibriladores semiautomáticos na Sala Nauta.
O obxectivo deste curso é achegar os coñecementos e as destrezas necesarias para que o persoal do porto deportivo Juan Carlos I poida realizar unha primeira atención ante unha parada cardíaca, ata que cheguen os equipos sanitarios especializados.
Os asistentes levaron a cabo prácticas con simulacións co fin de aprender a controlar situacións de nervios ou angustia que poidan producirse neses momentos.
Nauta contará este verán cun desfibrilador externo semiautomático (DESA), un aparello electrónico portátil que diagnostica e trata a parada cardiorrespiratoria. Este aparello emite un impulso de corrente continua ao corazón, moi eficaz para a maior parte dos chamados paros cardíacos.