Concello de Sanxenxo - CONCELLO E SECTOR TURÍSTICO TRABALLAN PARA QUE SANXENXO SE MANTEÑA COMO DESTINO REFERENTE DE SEGURIDADE ESTE VERÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

CETS e Aviturga coinciden nas "boas perspectivas" polo importante número de reservas 
 
O alcalde, Telmo Martín, mantivo un encontro esta mañá co presidente do CETS, Alfonso Martínez, e a presidenta de Aviturga, Dulcinea Aguín, no que tamén estivo a técnica de Turismo, Romina Fernández. Tanto o Concello como o sector turístico traballan coordinadamente para facer de  Sanxenxo un destino seguro para recibir a visitantes coa mellor atención e servizos. A limpeza, a seguridade e a sustentabilidade serán os tres piares básicos da estratexia turística. 
 
Tanto Martínez como Aguín coincidiron nas "boas perspectivas" para este verán cun importante nivel de reservas. En concreto, Aviturga ten xa o 29% dos seus aloxamentos reservados na segunda quincena de xuño, unha cifra que en agosto alcanza o 76%. "Estas cifras de reserva son impresionantes sobre todo as do mes de xuño cando normalmente para esas datas apenas se reserva con antelación", sinalou Dulcinea Aguín.
 
En números similares móvense tamén os asociados do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo. Martínez destacou que a reservas se están facendo por un período máis prolongado que nos últimos anos. Para xuño a cifra de reservas alcanza xa o 30%, en xullo, o 45%, e en agosto, o 60%. "A tendencia dos últimos anos era reservar con pouca antelación e menos días que agora. Os visitantes buscan estancias máis longas", indicou Martínez.
 
 
Uns datos que van en consonancia cun recente estudo da Caixa que apunta a que os españois se gastarán un 30% máis este verán nas súas vacacións e que os destinos poderán recuperar o 85% dos niveis alcanzados en 2019 (un dos anos marca en pernoctacións en Sanxenxo)
 
O sector turístico interesouse tamén polos avances no estudo encargado polo Concello para coñecer de primeira man a situación do despregamento de fibra óptica no municipio. O goberno involucrouse con este asunto, a pesar de non ser competencia municipal, e contará co inventario de telecomunicacións dos 119 núcleos de poboación de Sanxenxo a mediados de xuño. "É un documento único que non ten ningún concello e que nos permitirá avanzar para dar resposta a esta necesidade en distintos puntos do municipio", asegurou o alcalde.
 
Máis aló do verán, Martín confía en que Sanxenxo rexistre unhas boas cifras de ocupación no outono o que axudará a reforzar o obxectivo que se persegue como municipio turístico e dar a coñecer as súas potencialidades os 365 días do ano.
 
0
0
0
s2sdefault