Concello de Sanxenxo - UNHA SENDA PEONIL UNIRÁ NOALLA COA LANZADA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O delegado do Goberno de Galicia, José Manuel Miñones, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitaron esta mañá acompañados do alcalde, Telmo Martín, o Pazo de Quintáns.
 
Unha senda peonil segura vertebrará a parroquia de Noalla desde a igrexa de San Estevo ata a praia da Lanzada. O proxecto sairá a licitación por 910.606 euros e un prazo de execución de seis meses. A obra será financiada pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Sanxenxo ao 70% e ao 30%, respectivamente. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, desprazouse esta mañá a Sanxenxo para presentar a actuación que nos próximos días sairá a licitación e visitar xunto ao alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín e o delegado do Goberno de Galicia, José Manuel Miñones, o Pazo de Quintáns. A creación desta senda e a rehabilitación do Pazo enmárcase dentro da colaboración de tres administracións, Concello, Goberno de España e Deputación de Pontevedra, para a posta en valor dos recursos patrimoniais e turísticos de Sanxenxo.
 
A senda peonil trascurrirá ao longo de 1,2 quilómetros, terá un mínimo de 2,5 metros de ancho e correrá pola marxe dereita da estrada e paralela ao seu actual trazado en plataforma única, salvo en tres zonas onde vai ser necesario facer plataformas de convivencia, con prioridade peonil e nas que haberá medidas de calmado de tráfico e redución da velocidade. Á altura da entrada principal do Pazo de Quintáns o formigón presente na senda cambiarase polo lousado orixinal de granito para potenciar o carácter nobre do espazo.
 
O alcalde Telmo Martín agradeceu a implicación do Goberno de España na rehabilitación do Pazo de Quintáns que está pendente dunha segunda fase, orzada en 600.000 euros para a recuperación dos xardíns exteriores e o acondicionamento dun estacionamento. Na mesma liña, incidiu en que a futura senda peonil, "vaille dar moito máis valor a esta contorna, polo que agradecemos que a Deputación fixera este convenio para converter esta estrada nunha zona acondicionada para desfrute da veciñanza". O Concello ten previsto programar visitas ao Pazo de Quintáns para os veciños e colectivos de Noalla. Ademais, o alcalde interesouse pola musealización da contorna da ermida da Lanzada, dentro da súa aposta por captar turismo ao longo de todo o ano. "En Sanxenxo somos líderes en turismo non verán, coñécennos polas praias e as bandeiras azuis e polo tempo marabilloso, pero temos un patrimonio importantísimo que temos que poñer en valor", asegurou Martín.
 
Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que a mellora da estrada provincial e a senda peonil ata A Lanzada será o mellor complemento á rehabilitación do Pazo, "unha verdadeira xoia do patrimonio que merecía que fixéramos unha actuación potente. Tanto a recuperación do Pazo de Quintáns como a nova senda van ser puntos de referencia para atraer xente á Sanxenxo durante todo o ano a través dun turismo pluriexperiencial e emocional dentro dun modelo baseado na sustentabilidade".
 
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou a colaboración das tres administracións "traballando para e pola veciñanza. Este é un dos exemplos dese compromiso para seguir sumando e seguir construíndo". Ao referirse á rehabilitación do Pazo de Quintáns, no que se investiron dous millóns de euros (1,3 do Ministerio de Fomento) e case 700.000 euros con fondos municipais, Miñones sinalou "é unha marabilla e podo dicir que vai ser centro non só turístico, senón de referencia do Concello. Auguro moito futuro a este pazo e simboliza que temos que darlle máis valor á rehabilitación do noso patrimonio".
0
0
0
s2sdefault