Concello de Sanxenxo - O COLECTIVO VECIÑAL DE NOALLA VISITA O PAZO DE QUINTÁNS TRAS A PRIMEIRA FASE DE REHABILITACIÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, xunto ao concelleiro da parroquia, Daniel Arosa, acompañaron ao grupo no percorrido polas instalacións
 
 
 
Os veciños de Noalla serán os primeiros en coñecer como quedou o Pazo de Quintáns tras a primeira fase de rehabilitación das instalacións. O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro da parroquia, Daniel Arosa, acompañaron esta mañá a unha representación do colectivo veciñal San Esteban polas distintas estancias e xardíns. A visita comezou na entrada principal exterior do Pazo, onde se atopa a capela coa virxe da Quinta Angustia, un espazo que orixinariamente estaba pechado e que tras a rehabilitación deixouse aberto para o goce dos veciños. "Queremos que sexa un Pazo que os veciños sintan como propio e que poidan gozar da súa beleza", explicou Martín.
 
A entrada realizouse polas instalacións anexas ao Pazo para, a continuación, atravesar o patio interior presidido por un gran abeto branco e visitar as dúas plantas do edificio nobre. Na planta inferior, nunha das estancias a posta en valor da pía con iluminación e acristalamiento foi un dos elementos que chamou máis a atención. Na planta superior, foi a galería a que captou todas as miradas xunto á lareira que aínda conserva o azulexo branco orixinal.
 
Durante a visita, o alcalde expuxo aos veciños os plans que ten o goberno para o Pazo, convertelo nun Centro de Referencia de Gastronomía das Rías Baixas, e o proxecto da segunda fase de rehabilitación que inclúe a recuperación do xardín botánico, o hórreo, acondicionamento da parcela para estacionamentos e a instalación dunha carpa acristalada para a celebración de eventos.
 
Tras a visita a directiva aproveitou para exporlle ao alcalde e ao concelleiro algunhas cuestións sobre a parroquia e quedaron emprazados a unha nova reunión despois do verán para tratar diversos temas como a posta en valor das trincheiras de Punta Faxilda, o asfaltado de vías e a recuperación de fontes e lavadoiros.
 
 
Nos próximos días, será a directiva da Comunidade de Montes de Noalla a que realice a visita ao Pazo de Quintáns acompañados tamén do alcalde.
 
A partir do 1 de xullo e ata o 30 de setembro iniciaranse as xornadas de visitas para todos os veciños e visitantes que desexen acudir a velo con dous horarios, de mañá e de tarde. Os martes, ás 11 e ás 12 horas e os xoves, ás 20 e ás 21 horas. As persoas interesadas en realizar a visita deberán chamar ao teléfono do Pazo de Emilia Pardo Bazán (986 72 79 36) ou enviar un correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. indicando o día e hora. Os grupos da visita non excederán as 10 persoas para permitir que o percorrido das instalacións se realice con orde e póidase apreciar a rehabilitación.
0
0
0
s2sdefault