Concello de Sanxenxo - O CENTRO DE DÍA DE SANXENXO RETOMA A NORMALIDADE A MENOS DO 50% DA SÚA CAPACIDADE CON 36 USUARIOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Un total de 36 familias xa están a utilizar o servizo do Centro de Día de Sanxenxo tras a súa reapertura fai apenas un par de semanas con total normalidade. As amplas instalacións contan cun equipo multidisciplinar formado por 18 traballadores entre os que se atopa un terapeuta ocupacional, un educador social, un animador sociocultural e un fisioterapeuta que permite unha atención integral diaria dos usuarios. 
 
A pesar de que hai uns días, a Xunta de Galicia anunciou a suavización das medidas sanitarias nos centros de día, Sanxenxo segue mantendo o plan anticovid inicial que inclúe probas PCR periódicas, o mantemento dos grupos burbulla, o reforzo de limpeza e o cambio de calzado á entrada das instalacións. Até o momento non se habilitou o servizo de cafetaría, aínda que a zona utilízase como un espazo máis para os usuarios dentro do programa diario de actividades.
 
Os 36 usuarios, 34 de Sanxenxo e 2 do Grove, atópanse xa vacinados fronte ao Covid e supoñen menos do 50% da capacidade do centro cun total de 80 prazas.
 
A cota mensual ascende a 544,50 euros, unha cifra que só pagan dous usuarios, mentres que 13 pagan menos da media, 220 euros ao mes, e 3 pagan menos de 100 euros, o resto da cota está subvencionado polo Concello e a Xunta de Galicia, segundo o seu nivel económico. O mesmo ocorre co transporte que, a pesar de ter un custo por usuario de 80 euros, a media é de 32 euros. 
 
O Centro de Día mantén o seu horario de 9 a 19:30 horas
 
0
0
0
s2sdefault