Concello de Sanxenxo - SANXENXO COLGA A BANDEIRA ARCOIRIS NO SEU BALCÓN PARA CONMEMORAR O DÍA INTERNACIONAL DO ORGULLO LGTBI
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
O programa de +Xuventude está a promover a creación dun grupo de participación baseado na diversidade sexual
 
O alcalde, Telmo Martín; o concelleiro de Xuventude e Servizos Sociais, Daniel Arosa, acompañados da portonovesa Lucía Padín, representante do colectivo transexual do municipio, colgaron esta mañá a bandeira LGTBI no balcón do Concello para conmemorar o Día Internacional do Orgullo LGTBI. Un acto co que se busca promover a visibilidade, a autoafirmación, a igualdade e a normalización dos dereitos LGTBI. 
 
No parque de Ou Espiñeiro, nunha das árbores colocáronse lazos multicolores nos que se pode ler: "Respecto" ou "Atrévete a ser diverse". Arosa e unha decena de mozas e mozos do programa de Xuventude participaron na iniciativa na que tamén estivo Lucía Padín colgando lazos e escribindo mensaxes a favor do colectivo LGTBI.
 
"Queremos dar visibilidade á reivindicación do colectivo LGTBI+ e reafirmar o sentimento de orgullo sobre as identidades e orientacións sexuais. Algo que non se debe quedar nun só día. Sanxenxo traballa vos 365 días do ano de maneira transversal na defensa da igualdade, o respecto e a tolerancia á diversidade", asegurou Daniel Arosa. A bandeira manterase no balcón consistorial ao longo de toda a semana.
 
Ao longo deste curso académico, o Concello de Sanxenxo levou aos institutos un programa de diversidade afectivo sexual. "Unha semente para favorecer o cambio e o avance da nosa sociedade a través da educación", asegura Arosa.
 
Tamén desde o programa +Xuventude está a promoverse a creación dun grupo de participación baseado na diversidade para acoller, apoiar e traballar conxuntamente cos mozos en políticas sociais de inclusión, sensibilización e respecto.
 
0
0
0
s2sdefault