Concello de Sanxenxo - A I FEIRA DE ARTESANÍA ABRIRÁ AO PÚBLICO A PRÓXIMA FIN DE SEMANA NO PASEO DE BALTAR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
 
A empresa municipal Ínsula Sanxenxo adxudicou a xestión e a montaxe da actividade por 91.839 euros
 
Sanxenxo estreará a próxima fin de semana a I Feira de Artesanía no Paseo de Baltar. Esta mesma semana o goberno adxudicou a través da empresa municipal Ínsula Sanxenxo a xestión e a montaxe da actividade por un total de 91.839 euros a Galcaevents S.L. e Iberstand, respectivamente. Unha actividade que tras os gastos xerados permitirá ingresar nas arcas municipais case 40.000 euros.
 
O goberno decidiu dar un salto cualitativo na feira multisectorial que viña celebrando no Paseo de Baltar cada verán cun modelo diferente, apostando pola artesanía, produtos feitos a man, moitos deles co selo de Artesanía de Galicia. A cita que se suspendeu o verán pasado pola situación sanitaria, pero que supón un importante atractivo para Portonovo, volverá a próxima semana cun formato distinto que complementará a oferta comercial da vila. 
 
A instalación das 30 casetas de cor branca comezou esta fin de semana e prevese que, a principios da próxima semana, xa estean completamente montadas coa pérgola de lona de cor crema que as protexerá dos intensos raios de sol.  En canto ao horario de apertura da actividade, establécense dúas quendas, un de mañá, opcional, de 11 a 14 horas e outro obrigatorio, de tarde, de 19 a 24 horas.
 
O contrato da subministración das casetas xa non será necesario o próximo ano o que permitirá incrementar os beneficios a medio prazo. O goberno vai encargar un deseño exclusivo e propio para sacar a concurso a compra de expositores que poderán ser utilizados nos distintos eventos que organice o Concello ao longo do ano e para o que xa existe unha partida contemplada no orzamento deste ano de 120.000 euros
 
0
0
0
s2sdefault