Concello de Sanxenxo - A POSTA A PUNTO DOS COLEXIOS DE SANXENXO CONTARÁ CUN INVESTIMENTO DE 106.000 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas


A concelleira de Educación, Paz Lago, revisou nas últimas semanas as necesidades dos centros educativos cos equipos directivos

As obras de mantemento e posta a punto previstas este verán nos centros educativos de Sanxenxo contarán cun investimento de 105.945 euros, entre o Concello e a Xunta. A concelleira de Educación, Paz Lago, revisou nas últimas semanas as necesidades en materia de obras e reparacións das instalacións cos equipos directivos.

En todos os colexios están previstas actuacións, excepto no de O Cruceiro, xa que o alumnado e profesorado trasladarase ao novo colexio de O Revel o próximo curso.

No CEIP A Florida realizarase o cambio de tubaxes, reporanse persianas e cristais, repararanse humidades, cambiaranse portas e marcos de armarios e acondicionarase unha aula para a ANPA. No CEIP Magaláns están previsto traballos de reposición das portas do edificio principal, da rede do peche exterior e do tellado do pavillón. Tamén se colocarán novas xanelas nas aulas exteriores. No CEIP Telleiro renovarase o peche perimetral do colexio, reporanse tubaxes e estúdase o posible pintado do pavillón.

No CEIP Portonovo reporanse as portas de Infantil e acondicionaranse os baños. Neste centro está, ademais, a piques de iniciarse unha reforma integral financiada pola Consellería de educación de case un millón de euros coa que se prevé un aforro enerxético de case o 70%. A obra suporá a substitución de todas as cubertas dos diferentes edificios que compoñen o centro por unhas novas de panel tipo sándwich. Renovarase case a totalidade da carpintaría exterior do centro educativo e cambiaranse as luminarias existentes por un tipo LED con equipos de regulación e detección do movemento. A actuación inclúe o pulido do chan de terrazo, o pintado dos paramentos e a colocación de falso teito de la de roca con panel acústico no edificio de Infantil, despachos, almacéns e pavillón, entre outras zonas que carecen del neste momento.

No CEIP Plurilingüe Nantes colocarase tarima flotante na biblioteca, emendaranse as deficiencias da instalación eléctrica e reporanse o peche do parque infantil. Ademais, efectuarase o cambio de varias xanelas. Na Escola Unitaria de Aios pavimentarase a beirarrúa perimetral do centro.

A estas obras súmanse as tarefas de mantemento de servizos xerais como fontanaría, pintura, electricidade e albanelaría que executan os operarios municipais do departamento de Obras e Servizos. Traballos que axudan tamén a mellorar cada curso a calidade de vida da comunidade educativa.

0
0
0
s2sdefault