Concello de Sanxenxo - UN NOVO VIARIO MELLORARÁ A COMUNICACIÓN ENTRE OS LUGARES DE AREAS E O SEAR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A estrada incluída dentro da PXOM execútase dentro das obras dun novo complexo urbanístico en Areas e permitirá eliminar un punto negro de tráfico na PO-308
 
O desenvolvemento dun novo complexo urbanístico en Areas está a permitir a mellora e ordenación de toda a súa contorna. A apertura dun novo viario, prevista no PXOM, e o ensanche dunha pista permitirán mellorar a comunicación entre os núcleos de Areas e O Sear e tamén eliminar un punto negro de tráfico. O novo viario e o retranqueo na P0-308 mellorará a calidade urbanística da zona, dotándoa de amplas beirarrúas e novas prazas de aparcadoiro en liña e batería.       
 
Cando entre en funcionamento o viario de nova apertura, no que se está traballando, reservarase a pista que veñen utilizando ata agora exclusivamente para o acceso dos veciños residentes. Trátase de reducir o tráfico desta pista que é moi estreita e sacar o máximo rendemento da nova alternativa, moito máis segura para peóns e vehículos.        
 
O novo viario contará con amplas beirarrúas, luminarias de led, mobiliario e aparcadoiros en liña, que xunto cos que se crearon en batería na PO-308, incrementará considerablemente a oferta de estacionamento da praia de Areas. En definitiva, a nova ordenación da zona mellorará as comunicacións, a seguridade viaria e converterá o espazo nunha zona máis agradable para o peón. 
 
O novo viario terá dous carrís con dobre sentido e unha lonxitude de 250 metros, dos que 120 metros corresponden ao tramo de nova apertura, o resto a unha pista que xa existe, pero que a promotora vai ensanchar e mellorar. Achéganse fotos do novo viario e o tramo da PO-308 que se ha retranqueado, o que permitiu ampliar as beirarrúas e crear aparcadoiros en batería que como se observa na foto xa se están utilizando.    
0
0
0
s2sdefault